O 4º aniversario da LaconNetwork terá lugar no Auditorio Mar de Vigo

venres, 24 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O encontro de emprendedores tecnolóxicos coñecido como LaconNetwork é xa un evento consolidado dentro do sector TIC galego, e para celebrar os seus catro anos de actividade vai xuntar a numerosos albaneis da nube en Vigo nun xantar que estará precedido por unha serie de charlas maxistrais e mesas de debate, mesturándose o encontro tamén coa entrega dos Premios EGANET, polo que é de agardar unha grande afluencia de público, de aí que nesta ocasión optouse por inscricións con custo progresivo, de xeito que quen queira participar deberá aboar 25 euros antes do 26 de xaneiro, mentres que o prezo os billetes será de 40 euros entre os días 27 e 29 de xaneiro, e os participantes de última hora terán que aboar 60 euros.
O elevado número de inscricións rexistradas ata o momento levou a trasladar por motivos de aforo a localización do evento de Porto do Molle (Zona Franca de Vigo) ao Auditorio Mar de Vigo, botando a andar as actividades deste 4º aniversario da LaconNetwork o día 31 de xaneiro ás 10:00 horas, e entre os relatores confirmados para o encontro figura Enrique Dans, quen falará sobre comunicación en medios sociais e marca persoal.
O condutor do evento será o actor David Perdomo, e xa se coñece a composición parcial das dúas mesas redondas da mañá: Enrique Sánchez de Adigital e Eduardo García Erquiaga da Escola de Negocios Novacaixagalicia discutirán sobre o emprendemento, mentres que Alberto Torrón de JG Professional Tools e José Manuel Sanguiñedo de Smarttek servirán de exemplo de emprendementos que sen ter unha grande visibilidade están a facer un grande traballo.

PUBLICIDADE