O CEIDA tira proveito de ferramentas de seguimento e aplicacións móbiles para protexermos as aves mariñas

xoves, 9 de xaneiro do 2025 S. P.

O CEIDA (Oleiros) e outras tres entidades coordinan un novo proxecto para a conservación das aves mariñas. Trátase de NORAVES, unha iniciativa que tira proveito da investigación e da implicación do sector pesqueiro para dar novos e importantes avances na protección das aves do noso litoral, botando man das posibilidades que poñen en xogo as novas ferramentas, por exemplo as tecnoloxías de seguimento por satélite ou as aplicacións móbiles. Por exemplo a ferramenta Bycatch.
Catro entidades de referencia na investigación, conservación e sensibilización sobre o medio mariño colaboran en NORAVES na procura de solucións para a problemática da mortalidade accidental destas especies en artes de pesca.
O CEIDA lembra que as aves mariñas están consideradas o grupo de aves máis ameazado do planeta. O seu elevado nivel de especialización e a súa sensibilidade aos cambios ambientais provoca que se vexan afectadas por un amplo número de impactos tanto no medio mariño como no terrestre. Como consecuencia, estímase que están en declive as poboacións de máis da metade das especies do planeta, e diversos estudos apuntan a que dende 1950 desapareceron máis de 230 millóns de aves, o 70% das existentes por aquel entón.
O centro de investigación con sede en Oleiros recorda tamén que unha dos principais problemáticas que afectan ás aves mariñas a nivel global é a mortaldade accidental (bycatch) en artes de pesca. Neste punto, estímase que só nas augas europeas ao redor de 200.000 exemplares son capturados anualmente neste tipo de apeiros mariños. Co obxectivo de que a actividade pesqueira sexa máis sostibel, nos últimos anos están xurdindo iniciativas dirixidas a avaliar o alcance do seu impacto e ensaiar diversas medidas de mitigación do bycatch. Entre estas destaca o proxecto NORAVES, froito da colaboración de catro entidades punteiras na investigación, conservación e divulgación da biodiversidade mariña: o Centro Oceanográfico da Coruña, dependente do Instituto Español de Oceanografía – CSIC; a ONG conservacionista SEO/Birdlife; a cooperativa sen ánimo de lucro Cory ́s e o CEIDA – Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, que actúa como entidade coordinadora da agrupación.
NORAVES desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, e co-finánciase pola Unión Europea polo FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura), e ten como obxectivo “contribuír á mellora do coñecemento da magnitude do impacto do bycatch nas poboacións de aves mariñas da Demarcación Mariña Noratlántica, e realizar propostas de xestión e mitigación que contribúan á súa redución”.
As entidades socias do proxecto aportan dende o seu ámbito de especialización as súas fortalezas e prolongada experiencia para alcanzar este obxectivo, a través dunha serie de actuacións: seguimento do uso do espacio mariño por parte das especies de aves mariñas a través da monitoraxe tecnolóxica do seu paso migratorio e a aplicación de innovadoras técnicas de seguimento remoto GPS-GSM para o coñecemento en tempo real dos seus movementos en alta mar; o modelado espacio-temporal da actividade no mar da actividade das flotas pesqueiras de altura e baixura e das aves mariñas, e a determinación das áreas prioritarias e de solapamento entre elas; a avaliación da mortaldade accidental existente mediante o estudo da información dispoñíbel e a colaboración co sector pesqueiro a través da realización de embarques, enquisas, cadernos de a bordo e emprego da aplicación móbil Bycatch; elaboración dun protocolo de rexistro estandarizado da mortalidade accidental; e o desenvolvemento dun programa participativo e formativo para técnicos e profesionais do sector.
O proxecto comezou en xullo de 2024 e estenderase ata comezos de 2026, e ten como piares fundamentais “a convicción no compromiso dos profesionais da pesca coas boas prácticas para a sustentabilidade da pesca; a colaboración entre sector pesqueiro, ciencia, sociedade e administración para a xestión do medio mariño; e a participación activa e en positivo do sector pesqueiro, na procura de solucións comúns que permitan garantir a coexistencia das nosas aves mariñas coa actividade e modo de vida dos profesionais dun sector tan importante para a sociedade como o pesqueiro”, explican as entidades coordinadoras de NORAVES.
Ademais das catro entidades agrupadas no proxecto, son colaboradoras deste a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, a Confraría de Pescadores de A Coruña e os Grupos Locais de Acción Pesqueira Golfo Ártabro Sur e Ría de Vigo – A Guarda.
A aplicación Bycatch
A aplicación Bycatch, creada por SEO/BirdLife en colaboración co CEAB-CSIC, permite comunicar as capturas accidentais de fauna mariña sensíbel (aves mariñas, cetáceos e outros mamíferos mariños, tartarugas mariñas, quenllas e outros peixes de interese) que se producen durante as actividades de pesca, tanto profesional como recreativa.
SEO/BirdLife lembra que este tipo de capturas non desexadas representan “unha grave ameaza para estes organismos mariños, á vez que poden causar molestias e perdas aos pescadores”.
Os datos obtidos coa ferramenta contribúen a coñecer mellor estas capturas: cando, onde e como acontecen, en que artes e a que especies afectan. “Este tipo de información é clave para entender o problema e atopar solucións eficaces e consensuadas”, sinala a organización, lembrando que a ferramenta para dispositivos móbiles pode traballar con sistema IOS e Android, con ou sen cobertura da Internet. Para traballar no mar sen conexión a Rede é necesario abrir algunha vez a aplicación nun lugar con cobertura. A aplicación rexistra a data e posición da captura accidental e permite facer ou achegar fotos. Se non é posíbel enviar os datos no momento en que se produce a captura accidental, pódense enviar despois, xa que desde a aplicación ou a web poderemos axustar a data e a localización, e achegar imaxes.