O CEIP Virxe do Camiño de Rubiá gaña o concurso de cartaces de Política Lingüística con motivo das Letras Galegas

mércores, 16 de febreiro do 2022 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou un concurso baixo o lema As letras de Florencio entre os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para elaborar unha exposición sobre a obra, época e lingua de Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022, que se celebrará como todos os anos o 17 de maio.
O centro de ensino que se fixo co primeiro premio na categoría de Infantil e Primaria foi o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá, en Ourense, que conta con 49 alumnas e alumnos.
Os deseños do alumnado serán impresos e distribuídos por colexios de toda Galicia xunto cunha guía didáctica encamiñada ao alumnado de Infantil e Primaria. Os cartaces son trinta pezas de gran formato debuxados integramente pola rapazada e distribuiranse cunha unidade didáctica elaborada tamén polo centro. Até que sexan distribuídos pola Xunta (e mostrados ao detalle no Portal da Lingua de Política Lingüística e nas súas redes sociais) non poderán amosalos e de feito tiveron que retiralos das súas publicacións en Internet para que permanezan inéditos. O premio está dotado con 2.000€ que planean investir en equipamento tecnolóxico para fomentar a creatividade.
Dende o centro de ensino gañador, a súa directora, Andrea Tato, contaba que xa se presentaran noutras ocasións pero que no caso de Florencio puideron poñer en valor o traballo feito durante anos para difundir ao autor valdeorrés: “Colaboramos co proxecto das Letras para Florencio dende o inicio así que estabamos moi familiarizados coa potencialidade da súa obra para traballar na escola, hai moito Valdeorras neses debuxos e estamos moi contentos, claro”.
A exposición gañadora Florencio Delgado Gurriarán, poeta do agro, elaborada polo CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos intres máis significativos da biografía, a obra e a época do autor a quen se lle rende homenaxe este ano no Día das Letras Galegas.
Engadir que na categoría B do concurso de cartaces, destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, o premio queda deserto por non presentarse ningún traballo.

PUBLICIDADE