O CESGA acolle en setembro un novo seminario referencial sobre supercomputación e fintech

venres, 20 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A Rede de Supercomputación Española (RES) será novamente a patrocinadora dun seminario científico para mellorar a produtividade, a calidade e a sustentabilidade do software científico nos eidos da enxeñaría e da informática. A cita será en Santiago, o 26 de setembro na sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), e terá o seguinte fío temático: matemáticas e tecnoloxías financeiras (fintech) e cálculo avanzado e de alto rendemento. Os organizadores son Appentra (spin-off do Centro de Investigación TIC, o CITIC da Universidade da Coruña), CESGA, ITMATI e UDC.
Segundo apuntan os responsábeis destas entidades, a xuntanza é unha resposta a un reto concreto: a de ir creando un ecosistema de metodoloxías, boas prácticas, procesos e ferramentas que permitan desenvolver un mellor software científico para HPC. Ou sexa, para High Performance Computing (computación de alto rendemento).
O seminario será de balde para todos aqueles que queiran asistir, así como a comida. O evento ten unha completa axenda que comezará ás 9:00 e remata ás 17.00 horas. Desenvolverase de maneira simultánea que o CESGAHack 3, a quedada de programadores da que falamos os días pasados dende Código Cero, salientando o seu obxectivo de acelerar, durante cinco días, a execución das aplicacións científicas dos equipos participantes mediante a programación paralela.
Os asistentes ao seminario terán un perfil que oscilará entre estudantes de máster e doutoramento a científicos consolidados. Ademais, as sinerxías xeradas pola celebración do hackathon co-organizado polo CESGA e a devandita empresa Appentra axudarán a aproveitar ao máximo as experiencias de cada xornada de traballo.
O programa xira en torno a presentacións de investigadores no eido do financiamento cuantitativo, no que describen a súa experiencia directa no uso da supercomputación, así como os desafíos aos que se que enfrontan no desenvolvemento de programas de simulación numérica de calidade que permitan minimizar o esforzo e mailo custo do creación e mantemento do software, maximizando os resultados dos seus proxectos de I+D.

PUBLICIDADE