O CITEEC da Universidade da Coruña aposta pola Paleontoloxía dixital
luns, 4 de agosto do 2025
Os investigadores da UDC Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco, membros do grupo BIOpast e adscritos ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), estudan as características morfolóxicas que fan única a cada especie e traballan nun eido de estudo cada vez máis demandando na Paleontoloxía: a dixitalización e a creación de modelos tridimensionais de fósiles. A UDC compartiu información sobre algúns dos seus achados recentes.
Blanca é paleobióloga e especialista en pequenos mamíferos fósiles e en paleoecosistemas insulares. Analiza como responderon os lagomorfos (coellos, lebres e picas) aos cambios climáticos do pasado, co obxectivo de contribuír á conservación das especies actuais. Alejandro, pola súa parte, é paleozoólogo e está especializado no estudo taxonómico de peixes, anfibios e réptiles. A súa investigación actual céntrase na evolución do esqueleto apendicular dos crocodilos.
Co obxectivo de afondar nas súas investigacións, o pasados mes de xuño viaxaron ata o estado australiano de Queensland para revisar e dixitalizar máis de 300 ósos. Durante a súa visita ás coleccións do Queensland Museum, traballaron con esqueletos de especies extintas (Isisfordia e Australosuchus) e actuais de crocodilos australianos (Crocodylus porosus e C. johnstoni). Para este traballo, utilizaron un escáner de luz estruturada que captura a superficie dun obxecto con gran precisión e a transforma nunha malla xeométrica no ordenador. Estes datos permiten crear modelos tridimensionais sólidos, que segundo apuntan os investigadores, resultan “moi versátiles”, e, de feito, poden empregarse en actividades de musealización e divulgación científica, pero tamén como base para novas investigacións.
Ademais, durante a súa estadía en Australia, participaron no 7º Simposio Internacional en Paleohistoloxía (ISPH) celebrado en Brisbane, que reuniu a expertos de distintas nacionalidades especializados no estudo dos tecidos óseos fosilizados. Blanca Moncunill-Solé presentou unha conferencia plenaria cos seus últimos avances sobre tecidos fósiles de lagomorfos extintos e Alejandro Blanco contribuíu ao simposio cunha presentación sobre paleohistoloxía en dinosauros.
Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco son investigadores postdoutorais baixo un contrato Ramón y Cajal do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Comparten unha liña de investigación enfocada no rexistro fósil do Oligoceno-Mioceno de Galicia.
En colaboración co Concello das Pontes, restauraron unha colección de máis de 60 restos fósiles atopados na antiga mina da localidade para garantir a súa preservación. Estes fósiles son os vestixios dunha antiga comunidade de animais e plantas que habitou Galicia hai un 30 millóns de anos, entre os que se atopan crocodilos, parentes extintos dos hipopótamos e plantas tropicais.
O estudo destes materiais continúa, co obxectivo de coñecer en detalle que especies eran (taxonomía), onde vivían (paleoecoloxía) e de onde procedían (paleobioxeografía). Os resultados preliminares indican que os restos de macrovertebrados desta época son practicamente descoñecidos na Península Ibérica e moi escasos en Europa, polo que os fósiles galegos poderían ter un impacto científico moi relevante.
Dende mediados de xuño, o equipo de Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco conta cunha nova integrante: Haodan Luo, alias Linda, estudante de Xeoloxía no Carlenton College de Minnesota. Linda está a realizar as súas prácticas preprofesionais a través do convenio firmado pola Universidade da Coruña con Linguistic Horizons e permanecerá no centro ata finais de agosto.
