O CITIC acolle a presentación de IberGIS, unha nova ferramenta para mellorar a xestión da drenaxe

mércores, 24 de setembro do 2025 S. P.

O Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña (UDC) vén de desenvolver unha nova ferramenta gratuíta de simulación hidrolóxica que, en palabras do dito equipo de investigación, “combina precisión, realismo e eficiencia ao servizo da análise e xestión das augas en contornas urbanas e rurais”. Trátase de IberGIS.
Esta ferramenta, desenvolvida no marco do proxecto DRAIN (Digital RAIN. Un modelo integrado de drenaxe urbana), combina as capacidades do modelo numérico bidimensional Iber na contorna do Sistema de Información Xeográfica QGIS.
“A integración permite realizar análises hidrolóxicas e hidrodinámicas detalladas de fluxos superficiais a escala de conca, tanto en contornas urbanas como rurais, combinando a potencia do motor de Iber coas capacidades de xeoprocesamento e visualización de QGIS”, sinalou o grupo, engadindo que “grazas ao funcionamento acoplado dos motores de cálculo de Iber e de SWMM, IberGIS permite xerar modelos duais de drenaxe urbana, podendo incorporar a rede de saneamento; o que supón a xeración de modelos máis realistas, e favorece á súa vez unha planificación máis efectiva nos deseños das redes de drenaxe, na xestión de augas pluviais, e na redución do risco de asologamentos nas contornas urbanas”.
Así mesmo, a aplicación das técnicas de computación de alto rendemento nos seus motores de cálculo permite reducir os tempos de simulación e realizar análises de alta resolución en tempos operativos. A ferramenta distribuirase en forma de plugin de QGIS.
A presentación pública, enmarcada no proxecto DRAIN, celebrouse na Sala Cloud do CITIC e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canal e Portos da Universidade da Coruña nunha xornada de traballo que xuntou máis de 60 profesionais do sector, procedentes de distintas empresas e administracións públicas relacionadas coa xestión da auga, de universidades e de centros de investigación con experiencia en modelado hidráulico.
Nesta presentación abordáronse casos reais de aplicación e explicáronse as capacidades actuais da ferramenta, así como as posibilidades de ampliación futura.
O encontro de traballo estenderase ata este xoves 25 de setembro. Concluirá cunha reunión estratéxica entre os desenvolvedores do modelo Iber, na que se expoñerán novas funcionalidades a desenvolver, posibles colaboracións con entidades interesadas e estratexias para a solicitude de novas axudas e financiamento, tanto nacional como internacional.
Os traballos realizáronse no marco do proxecto DRAIN - Digital RAIN. An Integrated Urban Drainage Model (CPP2021-008756), financiado por MICIU/AEI/10.13039/501100011033 e pola Unión Europea a través de NextGenerationEU/PRTR.