O CITIC busca candidatos para o programa galego de contratación de talentos

xoves, 2 de xaneiro do 2020 Redacción

A Universidade da Coruña vén de anunciar que busca candidatas/os para cinco postos posdoutorais como líderes de grupos de investigación durante un período de polo menos 4 anos para traballar no Centro de Investigación CITIC. Ao abeiro deste proceso de preselección, os cinco aspirantes presentarán a súa candidatura no Programa de atracción de talentos de investigación da Xunta de Galicia. O equipo do CITIC valorará as persoas candidatas na preparación de cadansúas propostas a este programa competitivo.
Cada universidade galega presentará os seus aspirantes, cuxa avaliación será realizada por expertos de fóra do Sistema Universitario Galego, atendendo aos méritos curriculares, a súa capacidade de liderado e un plan de traballo a desenvolver.
Atendendo á natureza do traballo do CITIC, un centro único de investigación que promove o avance e a excelencia en I+D+i no uso das Tecnoloxías da Información, as persoas investigadoras que se procuran deberán ter antecedentes específicos e aliñados coas das áreas de investigación do centro aplicadas en saúde, Industria 4.0, sociedade, Cidades Intelixentes e enerxía:
· Intelixencia Artificial: Aprendizaxe Máquina (Machine Learning), visión por computador, Procesamento de linguaxe natural (PNL), robótica, representación do coñecemento e razoamento.
· Ciencia e Enxeñería de Datos: Big Data, recuperación de información, análise de datos, simulación e optimización.
· Informática de Alto Rendemento (HPC): software HPC, infraestrutura de grandes datos, computación en nube.
· Redes e servizos intelixentes: comunicacións sen fíos 5G, conectividade IoT, (Internet das Cousas) sistemas de transporte intelixentes.
· Ciberseguridade.

PUBLICIDADE