O CITIC colabora na organización do primeiro hackathon cen por cen virtual de Galicia

mércores, 17 de xuño do 2020 S. P.

O Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC) é unha das entidades colaboradoras no evento galego do que informamos onte en Código Cero, impulsado pola axencia autonómica GAIN, para crear solucións en colectividade innovadoras solucións para adaptar o tecido empresarial á nova realidade que marca a crise sanitaria. Estamos a falar de Hack-At-Home (#HACKatHOME), o primeiro hackathon cen por cen virtual de Galicia, que se celebrará do 27 ao 30 de xuño.
O obxectivo deste evento é involucrar a empresas tecnolóxicas, universidades e persoas de diferentes ámbitos para construír solucións tanto físicas como dixitais para cinco dos grandes retos da industria, o comercio e o emprego, durante catro días de traballo en remoto con actividades paralelas en liña e o pitching final de proxectos.
Os proxectos serán valorados por un comité de expertos, do que forman parte representantes do CITIC. O tres mellores proxectos terán un apoio económico de 1.000 euros e un seguimento específico durante seis meses por parte das institucións participantes no hackathon.
O prazo de inscrición está aberto ata o 21 de xuño e as persoas interesadas poden presentarse tanto individualmente como en grupo, pero todos os participantes formarán equipos de traballo para realizar as iniciativas innovadoras.
O tecido empresarial galego definiu cinco retos para afrontar a nova realidade provocada pola aparición do coronavirus. Arredor deses cinco retos traballarán os equipos multidisciplinares conformados por programadores, investigadores, deseñadores, estudantes, etc, que deberán buscar solucións tanto físicas como dixitais para afrontar os cambios do tecido empresarial ante a crise sanitaria.
O primeiro dos cinco eixo é a procura de solucións “de baixo contacto”: ideas para mellorar os espazos de traballo así como a xestión de produtos, materiais e ferramentas para evitar a dispersión do virus.
Un segundo reto pasa por repensar a venda ao público, buscando alternativas para incrementar a seguridade dos espazos comerciais e evitar o impacto negativo no volume de negocio.
A terceira liña é o teletraballo, tratando de acadar propostas para optimizar o traballo en remoto ou minimizar o contacto interpersoal nos sectores que requiran traballo presencial.
Un cuarto reto está enfocado á industria local e ás solucións para reducir as necesidades de desprazamento da industria tanto para a compra como para a oferta.
Finalmente, o quinto eido de traballo pasa por avanzar nun novo concepto de equipo, con solucións para coordinar equipos de traballo nun novo contexto de separación física.


PUBLICIDADE