O CITIC comparte ciencia e tecnoloxía coa cidadanía na G-Night
martes, 30 de setembro do 2025
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña participou o pasado venres 26 de setembro na celebración da Noite Galega das Persoas Investigadoras – G-Night, unha cita que encheu a cidade de actividades para achegar a ciencia á sociedade.
A xornada comezou coa visita ao CITIC dun grupo de alumnas do Colexio de Fomento Montespiño, que tiveron a oportunidade de coñecer de preto exemplos de proxectos en Intelixencia Artificial, Realidade Virtual e Aumentada e robótica desenvolvidos no centro.
Ao longo do día, o CITIC tamén estivo presente nos diferentes espazos da G-Night cos obradoiros Coidando os xeonllos: artrose, mobilidade e novas tecnoloxías, na Dársena da Mariña, Investiga en ciencia e tecnoloxía!, no MUNCYT, e o Obradoiro de robótica intelixente, que se desenvolveu no laboratorio de robótica do CITENI.
A programación completouse cos relatorios de investigadoras e investigadores vinculados ao CITIC. Na Dársena da Mariña, Paloma Piot achegou ao público a charla Combatendo a Desinformación e a Linguaxe Abusiva con Intelixencia Humana e Artificial.
Pola súa banda, no Árnica Bar, o investigador Brais Muñiz Castro explicou como a IA pode aplicarse ao desenvolvemento de medicamentos personalizados, mentres que Patricia Faraldo Cabana, da Facultade de Dereito, abordou as claves xurídicas do tráfico de patrimonio histórico en España.
