O CITIC e ASPACE Coruña impulsarán proxectos para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidades funcionais

luns, 29 de xuño do 2020 S. P.

O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC, vén de dar un novo e importante paso no seu compromiso solidario e tecnolóxico cos colectivos de persoas con diversidades funcionais. Este luns 29, sen ir máis lonxe, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e a directora Xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz Vargas, asinaron un convenio de colaboración que se materializará a través do CITIC, precisamente. Esta iniciativa conxunta permitirá a ASPACE impulsar proxectos de innovación tecnolóxica que melloren a calidade de vida das e dos seus integrantes.
Abalde agradeceu este oportunidade de colaboración en “todo o que ten que ver co apoio ás persoas onde as tecnoloxías poden supoñer unha mellora na calidade de vida” e enmarcou este convenio dentro da “responsabilidade social que ten a universidade como institución pública” e que leva á UDC a desenvolver outras iniciativas deste cariz como o programa Espazo Compartido.
Para a directora Xerente de ASPACE Coruña, esta colaboración inscríbese dentro da súa liña estratéxica de ofrecer innovación e coñecemento ás súas persoas usuarias. Ruiz explicou que a entidade á que representa leva xa un ano colaborando en diversos proxectos co CITIC, polo que adiantou que este convenio permitirá “avanzar e conseguir solucións para as persoas con parálise cerebral”.
No acto de sinatura estaban presentes tamén o director do CITIC, Manuel González Penedo, e o subdirector, Javier Pereira, profesor Titular da área de Radioloxía e Medicina Física e doutor en Informática. O profesor Pereira, implicado directamente nos proxectos compartidos con ASPACE Coruña, imparte docencia e investiga no ámbito da informática médica e a tecnoloxía aplicada á discapacidade.

PUBLICIDADE