O CITIC e a FIC organizarán a cuarta edición do Machine Learning Workshop Galicia

venres, 2 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 131.9 KB
Unha imaxe da edición do ano pasado, desenvolvida en Vigo

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e a Facultade de Informática da Coruña (FIC) asumen a organización do gran acontecemento do ano en materia de máquinas intelixentes: a cuarta edición do Machine Learning Workshop Galicia, que terá lugar o próximo 17 de outubro de 2019 na Facultade de Informática da UDC, na Coruña.
Segundo informa o CITIC, o evento servirá de punto de encontro para a industria e a comunidade investigadora con interese nas tecnoloxías asociadas ao ámbito da aprendizaxe máquina, un eido da Intelixencia Artificial que se converteu “nun referente en case calquera ámbito de investigación”, debido, sobre todo, ao afianzamento das tecnoloxías Big Data (análise da información a gran escala), a mellora nos algoritmos de aprendizaxe e a aparición do Deep Learning (aprendizaxe profunda).
O prazo para a recepción de traballos xa está aberto desde o 29 de xullo, e finalizará o 20 de setembro. Ademais, o 2 de setembro abrirase o rexistro de asistencia, que pechará o 12 de outubro.
A edición do ano pasado
O Machine Learning Workshop Galicia 2018 foi un dos grandes eventos do ano no ámbito das máquinas pensantes e con capacidade de tomar decisións. A cita desbordou finalmente as previsións de asistencia e repercusión: celebrada na sede de Afundación en Vigo, contou coa participación de 170 asistentes, entre especialistas de universidades e centros de investigación e profesionais de empresas.
O simposio, que naceu hai catro anos froito da colaboración entre outros tantos centros de investigación referentes na nosa terra (o centro AtlantTIC da UVigo, o Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA; o CITIC da UDC e o CiTIUS da USC), serviu entre outras cousas para pór de relevo a ampla potencialidade do Machine Learning, un ámbito de investigación que se centra en crear programas capaces de xeneralizar comportamentos nas computadoras, é dicir, que fai realidade a aprendizaxe de pautas para rendibilizar e mellorar cousas como sistemas de busca, análise de textos, análise de redes sociais, recoñecemento de obxectos e facianas, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos ou aplicacións para a intelixencia do negocio.

PUBLICIDADE