O CITIC impulsa un proxecto para a detección precoz do cancro de mama

venres, 27 de marzo do 2020 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade de Coruña está a desenvolver unha iniciativa tecnolóxica para mellorar o labor dos diagnósticos precoces do cancro de mama. Trátase do proxecto de transferencia CADIA (Sistema de axuda á detección de diversas patoloxías baseándose na análise de imaxes con técnicas de Intelixencia Artificial), liderado polos investigadores Marcos Ortega e Jorge Novo, en colaboración coa alianza empresarial formada polo Centro Tecnolóxico Vasco Vicomtech, especializado en IA, Visual Computing & Interaction, e a empresa aragonesa Inycom, que ofrece solucións e servizos tecnolóxicos e innovadores no ámbito da saúde.
Segundo informa o CITIC, o obxectivo da colaboración é “desenvolver un sistema de axuda á detección precoz de cancro de mama, entre outras patoloxías, baseado en técnicas de Intelixencia Artificial aplicada a saúde para o Servizo Galego de Saúde (SERGAS)”. Así, desenvolverase e validarase un método de localización e cálculo de núcleos celulares en imaxes histopatolóxicas tinguidas mediante hematoxilina e eosina e almacenadas nunha estrutura DICOM WSI.
Este proxecto de transferencia enmárcase na modalidade de compra pública innovadora impulsada no marco de Código 100, un proxecto financiado nun 80 % polo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020 a través do convenio de colaboración co Ministerio.

PUBLICIDADE