O CITIC incorpórase á Asociación Española para a Intelixencia Artificial

mércores, 12 de xuño do 2019 Redacción

Exterior do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITICO Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC) vén de incorporarse á Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA). Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro creada en 1983 e formada por socios numerarios e institucionais, que ten o obxectivo de fomentar o desenvolvemento dos sistemas tecnolóxicos intelixentes tanto no ámbito español como no Iberoamericano.
Entre os fins da AEPIA atópase a creación e coordinación de grupos de traballo, o apoio á transferencia de tecnoloxía, o apoio a entidades para facilitar a súa innovación e aplicación das técnicas e aplicacións da Intelixencia Artificial, e proporcionar un soporte e foro de discusión a investigadores e estudantes nas súas actividades relacionadas cos sistemas intelixentes.
Segundo lembra o CITIC a respecto da súa incorporación á entidade, ao redor da metade dos seus investigadores traballan en proxectos relacionados coa IA, “polo que é unha disciplina de gran interese para nós”. O centro coruñés tamén salienta que a presidenta da AEPIA, Amparo Alonso, é investigadora do CITIC. “A nosa incorporación á AEPIA”, engade, “suporá unha excelente oportunidade para a cooperación con diferentes institucións no ámbito da IA e o fomento da transferencia de resultados á sociedade”.

PUBLICIDADE