O CITIC mostra esta semana o presente e o futuro do Deep Learning

mércores, 13 de decembro do 2017 Redacción

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña organiza este xoves 14 un titorial sobre tecnoloxías Deep Learning. A formación será impartida polo catedrático da Universidade de Oviedo na área de Computación e Intelixencia Artificial e presidente da Sociedade Científica Informática de España (SCIE), o doutor Antonio Bahamonde Rionda. Desenvolverase nas instalacións do CITIC, no Campus de Elviña da UDC, entre as 10 e as 12 horas. O acceso é de balde e libre para investigadores e empresas socias até completar aforamento.
Como lembraremos, baixo o concepto de Deep Learning (DL) agrúpanse as tecnoloxías que constitúen o seguinte paso evolutivo das ciencias da información, o alicerce dos servizos smart do futuro. As orixes do Deep Learning responden a unha demanda concreta dos investigadores e desenvolvedores: a necesidade ampliar a capacidade do Procesamento de Linguaxe Natural ante a aparición de múltiples frontes de coñecemento. Dito doutra maneira, do que se trataría é de facer comprensíbel e asimilábel para os sistemas tecnolóxicos a linguaxe empregada polas persoas nos múltiples acubillos da sociedade dixital, incluídas as redes sociais, facendo que as erratas, os erros e os elementos como cancelos ou etiquetas non impidan a comprensión dos textos nin a súa análise. A tecnoloxía Deep Learning fai posíbel que a aprendizaxe e análise da información se faga de maneira eficaz e automática.

PUBLICIDADE