O CITIC mostrará a súa aposta medioambiental no Encontro Solar na UDC

martes, 24 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Este 26 de abril celébrase no Campus de Elviña unha nova edición (a sexta) da quedada solar da UDC. Ou sexa, da xuntanza dirixida a reivindicar o potencial das enerxías renovábeis, neste caso a que vén do sol, para facer o que viñamos facendo até o de agora pero co engadido extra (un engadido moi importante) de deixarmos a mínima pegada medioambiental. A cita será a partir das 10.00 horas no aparcadoiro do edificio Xoana Capdevielle. O Encontro Solar contará coa participación activa do Centro de Investigación TIC (CITIC), que ofrecerá unha visita guiada polas súas instalacións e mostrará aos participantes como funcionan unhas instalacións (as do CITIC) que se abastecen enerxeticamente da enerxía que proporciona o sol (a través das placas fotovoltaicas que ten na cuberta).
Ao fío da súa participación no evento, o CITIC lembra que esta responde directamente á súa pola política ambiental baseada na eficiencia enerxética “Queremos agradecer á organización e participantes todo o apoio ao evento, co obxectivo común de implantar a enerxía solar na vida diaria e fomentar o seu uso”, engade o centro de novas tecnoloxías.
Volvendo ao Encontro Solar, sinalar que se trata dunha actividade a cabalo entre o científico, o medioambiental e o lúdico, no que se demostran as utilidades da luz natural para facer cousas como cociñar ou mesmo facer música. Segundo os organizadores, trátase dunha oportunidade inmellorábel para amosar diferentes, innovadores e sorprendentes aproveitamentos da enerxía solar. A previsión é a de xuntar, novamente, un centenar de cociñas solares no aparcadoiro do edificio Xoana Capdevielle.
Este ano contarase cunha mesa de experimentación e aprendizaxe de distintos aparellos solares e a exposición itinerante A Enerxía Solar por parte da Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA). O banquete colectivo estará amenizado outro ano máis coa música do picadiscos da Escola de Imaxe e Son do CIFP de Someso, cuxa mesa de traballo funciona grazas á enerxía obtida de varias placas solares.
A actividade forma parte do Proxecto UDC + Fundación Alcoa.

PUBLICIDADE