O CITIC, o CITiUS e AtlantTIC, recoñecidos por Educación xunto con outras catro unidades galegas de I+D

venres, 9 de decembro do 2016 Redacción

JPEG - 248 KB
O exterior do Centro de Investigación TIC, o CITIC, no Campus da Coruña

O Goberno galego (Consellería de Cultura e Educación) vén de recoñecer cinco centros singulares de investigación e dúas agrupacións estratéxicas consolidadas. A distinción, a maiores, materializarase a través da concesión de 13 millóns de euros (até 2019) a estas unidades galegas de I+D. Con isto, Cultura e Educación salienta “o importante esforzo realizado no ámbito científico por estes entes e, tamén, impulsa e fortalece a súa capacidade de investigación e súa posición internacional”. Entre os centros distinguidos atopamos tres directamente relacionados coas novas tecnoloxías da información máis avanzadas: o CITIC (A Coruña), o CiTIUS (Santiago) e AtlantTIC (Vigo).
Máis en detalle, a través desta resolución, que podemos visitar no Diario Oficial de Galicia de hoxe, recibiron o devandito selo (o selo de “centros de investigación singulares de galicia”) o CIQUS e o CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o CITIC da Universidade da Coruña (UDC) e, por parte da Universidade de Vigo (UVigo), as unidades acreditadas son o CINBIO e o ECIMAT.
En canto ao investimento, a primeira anualidade está dotada dunha contía máxima de 400.000 euros por centro, mentres que a segunda, terceira e cuarta ascenden a 800.000 como máximo.
Pola súa banda, o CITIUS da USC e mais o AtlantTIC da UVigo foron acreditados como “agrupacións estratéxicas consolidadas”. A primeira anualidade está dotada con 200.000 euros como máximo e para os tres seguintes anos asígnanse 400.0000.
Segundo informa a Xunta, estas axudas (co-financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) concedéronse tras un proceso de concorrencia competitiva en función dunha serie de criterios que, “de forma obxectiva”, valoran “a calidade científico-técnica, a capacidade e as características destas unidades e dos seus proxectos estratéxicos de investigación, en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia, e tamén co esquema da Unión Europea”.
O obxectivo do dito orzamento é “recoñecer a excelencia das mellores unidades de investigación do Sistema Universitario de Galicia, o SUG, e garantir a súa estabilidade financeira a longo prazo”.
A Xunta financiará os seus proxectos estratéxicos de investigación durante o período 2016-2019 para, nas súas palabras, “fortalecer as súas capacidades científicas, potenciar o liderado internacional da investigación galega, impulsar a agregación de capacidades científico-técnicas ou mellorar a xeración de resultados de alto impacto científico, social e económico”.

PUBLICIDADE