O CITIC presenta o proxecto GEMA ante o tecido innovador galego

venres, 26 de xullo do 2019 Redacción

Este vindeiro luns boa parte do noso tecido investigador e empresarial vaise xuntar na Coruña para coñecer as grandes liñas de actividade do proxecto GEMA, Xestión da Mobilidade, que conta con financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do programa Conecta PEME. A cita será a partir das 11 horas na sede do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, no Campus de Elviña. O CITIC forma parte deste proxecto, en consorcio con GESUGA, Enxenio, Mayores e Taprega. Estas cinco entidades serán as protagonistas do evento, que contará coa presenza de representantes de todas elas.
Esta iniciativa obtivo un financiamento de preto de 800.000 euros por parte da GAIN (Axencia Galega de Innovación) a través do programa Conecta PEME, cuxo obxectivo é fomentar a cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do sistema autonómico de innovación a través do apoio a proxectos de I+D+i orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia.
O proxecto GEMA (acrónimo de GEstión de la MovilidAd), comezou a súa andaina o pasado mes de marzo e rematará en febreiro do 2022, abordando catro retos de investigación: a planificación intelixente de roteiros, axendas e horarios; a etiquetaxe semántica automática de traxectoria; a representación, almacenamento e explotación eficiente de traxectorias, e o desenvolvemento automatizado de software de Movile Worforce Management.

PUBLICIDADE