O CITIC publicou 1.080 documentos entre 2009 e 2016

martes, 3 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A semana pasada, mostrouse en cifras a capacidade innovadora do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC). O responsábel desta achega de datos foi profesor Elías Sanz Casado, catedrático da Universidade Carlos III de Madrid, amais de director do Instituto Interuniversitario de Investigación Avanzada sobre Evaluación de la Ciencia y la Universidad, INAECU. Máis en detalle, Sanz Casado presentou o venres 29 de xuño os resultados da análise da actividade investigadora do CITIC ao longo do período comprendido entre 2009 e 2016. Nela, entre outras cousas, faise saber que que o CITIC publicou 1.080 documentos nese período.
Segundo informou, o estudo levouse a cabo co obxectivo de identificar as fortalezas e áreas de especialización do CITIC, identificar o patrón de colaboración e o impacto e a visibilidade da produción, así como realizar propostas de mellora de colaboración e visibilidade internacional. En detalle, a investigación fíxose a dous niveis: por unha parte, comparouse o perfil de actividade do CITIC coa produción científica española nas disciplinas con maior actividade e, por outra banda, analizouse a produción científica, pegada e visibilidade dos 11 grupos do centro.
Entre as grandes conclusións-fitos do informe figuran as seguintes: a publicación (por parte do CITIC) de 1.080 documentos entre 2009 e 2016 (o que supón o 22,38 % da produción total da Universidade da Coruña), unha produtividade anual de 1,19 documentos por profesor permanente (mentres que o da UDC é de 0,63) e unhas altas especialización e produción en ciencias da computación (teoría e métodos, intelixencia artificial, enxeñaría, eléctrica, electrónica, etc).
No informe tamén se di que a porcentaxe de documentos en colaboración internacional é máis baixa cá da UDC e o Sistema Universitario Galego (6 e 13 puntos porcentuais respectivamente).

PUBLICIDADE