O CITIC sumouse á celebración do Día das Rapazas nas TIC

venres, 27 de abril do 2018 Redacción

Este 26 de abril celebrouse no mundo o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e nós estivemos no que foi o epicentro da conmemoración galega: a sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), onde centos de nenas e nenos da nosa terra (in situ e por videoconferencia) departiron e interactuaron con catro representantes femininas do noso sector da innovación e das novas tecnoloxías. Porén, as celebracións da nosa terra non se limitaron ás organizadas en Santiago polo Centro de Supercomputación de Galicia e o CPEIG. Na Coruña, o Centro de Investigación TIC (CITIC) sumouse á xornada un día antes, o 25 de abril, cunha actividade de divulgación dirixida ás crianzas e co obxectivo de alentar o uso das novas tecnoloxías entre as nenas.
No evento organizado polo CITIC, a rapazada gozou dun contacontos sobre biografías de mulleres relevantes no mundo do TIC, senlleiras científicas e desenvolvedoras como Ada Lovelace, a nai da programación informática; Grace Murray, que desenvolveu o primeiro compilador para unha linguaxe de programación ou Hedy Lamarr, inventora da tecnoloxía precursora do Wi-Fi, o Bluetooth e o sistema de localización por satélite GPS.
Para as/os seareiras/os da robótica, celebrouse tamén un obradoiro creativo, que foi impartido polo investigador do CITIC, Javier Pereira, e que contou con LEGO Wedo, Escornabot, Makeblock e Robot Evolution. Tamén houbo marxe para desfrutar con xogos interactivos desenvolvidos con Scratch, nos que tiveron presenza os encerados electrónicos, as lentes con sensores e máis diferentes elementos xerados co MakeyMakey, un produto de hardware aberto que dá a oportunidade de ter unha primeira toma de contacto cunha placa de circuítos impresos.
Segundo informa o CITIC, a nota creativa púxoa o obradoiro de debuxo Que son para ti as TIC?, no que todas as crianzas deixaron voar a súa imaxinación e así contaron a súa relación coa tecnoloxía e a importancia que ten no seu día a día.

PUBLICIDADE