O COETTGA reivindica a importancia das telecomunicacións en crises como a actual

martes, 17 de marzo do 2020 Redacción

José M. Martínez, decano do COETTGA

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA) quere aproveitar o illamento polo COVID-19 para salientar a importancia dos seus profesionais a que, como declara o seu decano, José M. Martínez, «a conectividade que prestan as telecomunicacións é tan importante como a electricidade, o gas ou a auga corrente, posto que a información xa adquiriu o rango de servizo básico».
Destacan que durante esta última semana as compras de dispositivos portátiles, ordenadores, móbiles ou tabletas disparáronse, aumentando até un 35%. Igualmente, incrementáronse as descargas ou adquisicións de programas de software de escritorio remoto como o popular TeamViewer ou semellantes ofrecidos por Google, Microsoft ou Oracle. Skype cuadriplicou as súas descargas.
As Telecomunicacións e o teletraballo están contribuíndo enormemente a frear a sangría do desemprego, e por conseguinte a que a o sistema económico global quebre.
«De non ser polos Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións e todo o traballo, avances e investigacións que levamos feito nas últimas décadas, as consecuencias desta pandemia global, xa terían provocado unha catastrófica ruptura económica a nivel mundial e dos sistemas tal e como os coñecemos» – di Martínez, quen engade que «todo isto ten unha importante lectura positiva na nosa Comunidade Autónoma, xa que nos empurra (aínda que teña que ser desta maneira) a implementar e integrar novas formas de traballo moito máis eficientes e competitivas nas empresas, que unha vez superado este Estado de Alerta, deberíamos seguir empregando».
Máis de 150.000 persoas sufriron a vaga de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) nos primeiros días do illamento polo COVID-19. De non ser pola opción laboral telemática serían moitos máis. No mellor dos casos, vacacións forzosas, no peor, centos de milleiros de empregados ao paro, co conseguinte impacto socioeconómico.
PEME ou autónomos non requiren de máis adaptación que o aumento do largo de banda que tamén rexistrou un importante aumento. Así como as redes privadas virtuais (VPN) que demandan cada vez máis empresas para potenciar a ciberseguridade nun entorno de traballo completamente dixital.
Para concluír tamén o decano do COETTGA tamén destaca a importancia do Big Data, a intelixencia artificial ou a Internet das Cousas, que demostran a capacidade das TIC para favorecer e facer posible a detección precoz das alertas, o intercambio de datos, a análise da evolución da enfermidade… a mellora da resposta sanitaria e incluso o desenvolvemento de vacinas e medicamentos.

PUBLICIDADE