O CPEIG distingue a figura de Ana María Prieto con motivo do Día da Muller

mércores, 6 de marzo do 2019 Redacción

Co gallo do Día Internacional da Muller (este 8 de marzo), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou hoxe un acto de celebración no que homenaxeou “a transcendencia para a profesión” do labor da primeira programadora galega, Ana María Prieto López, que faleceu en xuño de 2018 aos 76 anos de idade. O acto conmemorativo desenvolveuse a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago (USC).
En nome da profesional distinguida asistiron o seu viúvo Antonio García López e a súa filla Clara García Prieto, que recibiron das mans do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a primeira figura institucional do colexio profesional (peza da marca de cerámica galega Sargadelos).
No acto participaron tamén o director da ETSE, Antonio Mosquera; o ex reitor da USC, Juan Casares Long; o ex director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e vogal do CPEIG, Javier García Tobío; amais do xornalista e autor do libro A historia da informática de Galicia. Unha cronoloxía (Andavira Editorial/ CPEIG, 2015), Henrique Neira.
Segundo o CPEIG, Ana María Prieto López (Santiago de Compostela, 1942- Becerreá, 2018), foi “a primeira programadora galega da que se tivo constancia”, e do seu importante legado xa deixou constancia o colexio no libro A historia da informática de Galicia. Unha cronoloxía, publicación coordinada por Fernando Suárez e Javier García Tobío.
Na súa intervención, o presidente do CPEIG lembrou que a figura de Ana María Prieto comezou a destacar dende os primeiros intres da súa carreira profesional, co mérito duplo de facelo nunhas contornas dominadas pola presenza masculina. “Deu un paso adiante en prol da igualdade, e a pesar das dificultades, conseguiu abrirse camiño con valentía e carácter emprendedor nunha profesión masculinizada, compaxinándoa ademais coa súa vida familiar”, sinalou Suárez, facendo fincapé “na necesidade actual de incorporar mulleres á carreira profesional de Enxeñaría en Informática, que aínda presenta unhas cifras moi baixas do 12-13% de matriculación nos primeiros cursos da titulación universitaria”. E engadiu: “Nun presente e futuro dixitais é preciso normalizar a presenza da muller en todos os ámbitos da profesión, potenciando a representación feminina na Enxeñaría en Informática e noutras disciplinas técnicas” .
O presidente do CPEIG tamén destacou que o colexio, no seu labor de visualización das importantes contribucións das mulleres nas TIC, leva a cabo actividades como o entrega do premio Ada Byron a mulleres enxeñeiras en informática no seu evento anual da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, amais de achegar a públicos de todas as idades a relevancia do mundo dixital e aproximar a materia de estudio como un obxecto abordábel e comprensíbel.
Moi agradecida por este xesto de homenaxe, Clara García Prieto describiu a súa nai como unha muller “humilde” que nunca lle deu a importancia que tiña ao seu traballo nin ao que logrou no plano profesional. “Programar foi a súa vida, e con 20 anos abandonou unha carreira tradicional como a de Farmacia para demostrar o seu amor polas matemáticas”, manifestou, aínda que desta historia e dos seus logros confesou que tiveron conta non fai moitos anos.
Antonio Mosquera precisou que a Enxeñaría en Informática segue a ser unha profesión “moi masculinizada”, situación aínda máis acusada neste últimos anos nos que se aprecia unha certa sensación de retroceso. “Casos como o de Ana María Prieto son fundamentais para que as mulleres teñan a un referente que xa rompeu barreiras”, dixo.

PUBLICIDADE