O CPEIG e Igualdade redobrarán o seu traballo contra a fenda dixital de xénero
xoves, 26 de marzo do 2015
O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría
en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, e a
secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López
Abella, celebraron o
pasado día 23 de marzo unha xuntanza co obxectivo de afrontar de
maneira conxunta actividades para combater a fenda dixital de xénero
en calquera das súas manifestacións: a fenda dixital que separa no
plano formativo ámbolos sexos, a que obstaculiza o manexo das TIC no
rural, a que impide visualizar o labor das mulleres na informática e
nas empresas TIC, a que reduce cada ano a cifra de rapazas que
apostan por estudos ligados ás novas tecnoloxías, etc.
Segundo o acordado na reunión, o programa Rede
Emprende en Igualdade reeditarase en 2015 ao tempo que “incrementará
o número de concellos e mulleres beneficiadas”, explicaron.
Trátase dunha iniciativa que nace froito da colaboración entre o
Colexio, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) a prol
da capacitación tecnolóxica das mulleres.
Segundo fixeron saber, “Emprende en Igualdade
ofrecerá este ano, na súa terceira edición, unha serie de cursos
que comprenden actuacións de asesoramento, apoio e formación
dirixidas ás mulleres potencialmente emprendedoras, na procura de
emprego ou con arelas de formarse”. O obxectivo, engadiron, “é
axudalas na posta en marcha ou modernización das súas empresas e na
procura de emprego para fomentar a súa adaptación e a concorrencia
no mercado actual”.
As colexiadas e colexiados do CPEIG encargaranse de
impartir formación e asesoramento en varios aspectos: iniciación a
Internet e redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; novas
tecnoloxías e busca de emprego, e redes e transposición de
experiencias.
Na xuntanza, a secretaria xeral de Igualdade
comunicou a Fernando Suárez a súa intención de apoiar, coma en
edicións anteriores, a Noite da Enxeñaría en Informática de
Galicia a través do patrocinio do premio Ada Byron, que salienta a
traxectoria profesional dunha muller enxeñeira en Informática.
Amais disto, na reunión púxose sobre a mesa a necesidade de
traballar máis para conseguir que as mozas galegas aposten por
carreiras de Enxeñaría en Informática.