O CPEIG organiza en Mundos Digitales un obradoiro de creación de personaxes de animación

luns, 4 de xuño do 2018 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai organizar no evento Mundos Digitales un obradoiro xuvenil para introducir á rapazada no deseño de contidos creativos. Trátase do taller Creación de personaxes. Do deseño 2D ao modelado 3D, que será impartido polos creadores de produtos tan salientábeis e exitosos como a longametraxe de animación Tadeo Jones. Mundos Digitales, para quen non o saiba, celébrase os días 5 e 6 de xullo na Coruña, en PALEXCO. Será, unha vez máis, unha cita ineludíbel para todos os profesionais e seareiros da animación e dos efectos visuais, non só galegos e españois, senón tamén de toda a contorna internacional.
O obradoiro que vén de presentar o CPEIG celebrarase en colaboración coa axencia AMTEGA, ao abeiro do programa TechKids. Segundo informan as dúas entidades, grazas a esta actividade formativa e divulgativa, os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de concept art até o seu modelado en 3D. Ademais, “coñecerán os trucos precisos para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe”.
O taller, de seis horas de duración, está destinado a rapazas e rapaces de 14 a 18 anos. Para participar, deben enviar un debuxo dun monstro e un neno ou nena. Os 15 mellores deseños serán seleccionados para tomar parte activa no obradoiro, que é de balde. Segundo informa o CPEIG, aceptaranse deseños de personaxes realizados con calquera técnica artística e materiais (lapis de cores, rotuladores, pastel, témperas, colaxe, etc.) e en calquera formato ou soporte (papel, cartón, dixital, etc.).
O prazo de presentación de deseños finaliza o vindeiro 14 de xuño. O xurado (composto por un representante do CPEIG, un membro de AMTEGA e un representante de Mundos Dixitais) valorará a creatividade, estilo, imaxinación, personalidade e expresión. Os finalistas daranse a coñecer a partir do 18 xuño 2018. Para máis información, cómpre visitar a web do certame coruñés, máis polo miúdo o apartado de actividades.

PUBLICIDADE