O CPETIG denuncia a aldraxe que padece a Enxeñaría Técnica en Informática no acceso á Función Pública en Galicia

mércores, 8 de novembro do 2023 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia interpuxo o pasado ano ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un recurso contencioso-administrativo (71/2022) contra a Resolución de 16 de decembro de 2021, da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se convocou o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo superior da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, que o tribunal vén de desestimar (sentenza 00694/2023), ante o que cabe recurso de casación.
A postura que desde o primeiro momento defende o ente colexial céntrase na petición de “declaración de nulidade, ou anulabilidade da norma xeral da convocatoria, por non ser conforme a dereito, debendo establecer como requisito de acceso estar en posesión da titulación de licenciatura ou grao en Enxeñaría Informática, ou subsidiariamente, aquelas titulacións que teñan relación directa co temario da convocatoria e funcións do posto e, en todo caso pertencentes á mesma rama de coñecemento da Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Informática”.
O desencadeante deste proceso xudicial foi a resolución da Consellería pola que se abría o proceso a todo título de licenciatura ou grao pertencente a calquera rama, o que supón dar entrada a titulacións con plans de estudo que non contemplan as materias do temario que tería que ser de referencia, cun importante contido en informática, tendo nalgunhas delas só nocións básicas residuais a nivel de usuario, o que imposibilita que se presupoña que os titulados conten coa capacidade e habilitación adecuadas para poder desenvolver o posto ofertado e, polo tanto consideralos idóneos para elo. Sen embargo, a remisión xenérica efectúase a toda licenciatura ou grao de 5 ramas de coñecemento: Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; e Enxeñaría e Arquitectura, atopándose a Enxeñaría Técnica en Informática nesta última.
Tal e como recolle a sentenza do TSXG, o CPETIG defende que “se permite o acceso a todo licenciado e graduado, o que supón un caixón desastre, aínda que as capacitacións obtidas non teñan nada que ver coa rama da informática, evidenciándose como a convocatoria contravén o ordenamento xurídico, atentando de xeito frontal contra os principios de mérito e capacidade”.
Así as cousas, unha vez coñecido a resolución do TSXG, o CPETIG acata o fallo pero continuará defendendo os intereses que considera lexítimos polas vías que teña á súa disposición, entre elas, a propia xudicial. Esta sentenza non modifica nin un ápice a situación nin supón freo algún á defensa dos intereses dos profesionais deste sector por parte do colexio. O colectivo profesional denuncia que en Galicia estase a producir un “inaceptable agravio” á Enxeñaría Técnica en Informática no acceso á función pública, algo que debería ser resolto de maneira inmediata polos máximos responsables do Goberno galego para poder ofertar procesos que garantan os máximos estándares de responsabilidade e transparencia e que incorporen a aqueles profesionais que ostentan unha alta cualificación específica e acorde coa función a desenvolver.
“O certo é que o agravio que estamos a sufrir é dobre. Por unha banda, ábrese a posibilidade a que calquera opte a postos que teñen a necesidade de contar con coñecementos específicos, mentres que noutras escalas (Enxeñeiro técnico de minas, Enxeñeiro técnico de obras públicas, Enxeñeiro técnico industrial, Topógrafos ou Arquitectos técnicos) as titulacións mínimas esixidas son as que corresponden a esa mesma nomenclatura. E por outra banda, o que ocorre en Galicia non ocorre noutras comunidades autónomas, que si souberon modificar o seu criterio e as súas resolucións para facelas máis xustas e eficientes, e mesmo crearon corpos específicos de Informática, coma no caso da Comunidade Valenciana”, advirten desde o CPETIG.

PUBLICIDADE