O CPETIG lembra que a matriculación feminina en informática baixou ao 14% nas nosas universidades
martes, 3 de marzo do 2015
A
arelada paridade de xéneros en informática semella unha tarefa
complicada de acadar. Seguen a pesar os estereotipos, nos libros, nos
medios de información, no día a día, ideas fixas e mentiras que
acaban por desanimar ás rapazas de apostar por estudos TIC e que
rematan por perpetuar unha contorna informática que podería ser mil
veces mellor de darse unha meirande presenza feminina entre os seus
profesionais. Como dixemos, a situación (que como toda situación
ten múltiples culpábeis, comezando polo uso que lle damos á
linguaxe, falando sempre en clave masculina cando toca falar de
informática e de desenvolvemento), está lonxe de mellorar. Segundo
os datos que nos achegan este mes de marzo dende o Colexio
Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia,
CPETIG, a matriculación feminina neste ámbito de estudo baixou do
26% ao 14% nas nosas universidades ao longo dunha década.
Así,
sinala o colexio, confírmase unha vez máis que nun contexto de
crecente feminización da matriculación universitaria en
Galicia, a evolución no acceso aos estudos de Informática presenta
unha tendencia inversa. Deste xeito, lembra a entidade profesional
que preside Marcos Mata, na última década tense producido un
importante descenso da presenza de alumnas no Grao en Informática
nas tres universidades de Galicia (hoxe estamos na devandita taxa do
14%), cun rango que oscilou entre as cifras da Universidade de Vigo,
que andaban hai dez anos a rentes do 30%, e a taxa amosada hoxe pola
devandita carreira na Universidade de Santiago, unha taxa de
matriculación que rolda o 12%.
Segundo
lembra nas súas investigacións o CPETIG, a situación nas tres
universidades galegas presenta unha evolución bastante semellante.
Así, na USC, onde este curso o alumnado feminino é o 63% do total,
a representación de alumnas baixa ao 12% no Grao en Enxeñaría
Informática, no que hai matriculados 305 homes e 42 mulleres. Hai
dez anos, no curso académico 2004-2005, as mulleres representaban o
25% do alumnado nestes estudos.
Na
UDC, as mulleres eran o 14% do alumnado da Facultade de Informática
no curso 2012-2013, o último período académico cuxos datos están
publicados. Hai dez anos, as estudantes representaban o 23% do
alumnado desa facultade. Na UVigo, na que as mulleres son o 51.1% do
alumnado no actual curso académico, a porcentaxe de alumnas baixa ao
16% no Grao en Enxeñería Informática. Porén, hai dez anos elas
eran o 30% do alumnado na carreira.
O
colexio profesional recorda tamén que Galicia non é unha excepción
na escasa presenza de mulleres no ámbito informático docente. “Esta
tendencia”, explica a
entidade, “é común á
maioría dos países, agás
raras excepcións como a da India, e en parte pode deberse á imaxe
coa que a sociedade percibe a profesión, fomentada tamén por series
e programas de televisión que xeneralizan
un modelo estereotipado e pouco real da Informática”.
O
CPETIG considera que a elección profesional debe realizarse “en
liberdade, por vocación”, e sobre ideas precisas das distintas
alternativas académicas, algo que seguramente coa Enxeñaría
Informática non estea a suceder, “xa que pesan sobre ela
determinados clixés”, comentan
fontes do colexio, que tamén apostan por actuar no miolo mesmo do
problema: na educación que fomentan os propios colexios
profesionais, as universidades e mesmo as empresas. A xuízo do
CPETIG, deben contribuír a
transmitir a verdadeira dimensión da profesión e do que abrangue o
seu eido
de acción, “superando a opinión demasiado estendida
de que se trata de profesionais que arranxan ordenadores”.
Con
todo, malia esta situación de desigualdade e de desinformación,
o CPETIG valora moi
positivamente que a colexiación feminina manteña unha taxa de
crecemento sostido, pasando do 19,40% en 2008 ao 20,53% do pasado
ano.