O CPR Montecastelo de Vigo gaña a IV Liga Maker Drone

xoves, 22 de maio do 2025 S. P.

Finalmente xa temos o palmarés da IV Liga Maker Drone organizada pola Fundación Barrié o Instituto Tecnolóxico de Galicia, que propuxo aos novos talentos aeronáuticos galegos o reto de deseñar, programar e voar un sistema sobre un dron para o transporte inmediato de medicinas a contornas rurais ou de difícil acceso. Ese foi o desafío que tiveron que superar os máis de 180 estudantes participantes. A xornada final de exhibición e gran final celebrouse na mañá deste xoves 22 de maio na Coruña, contando coa asistencia de máis de 1.000 estudantes como espectadores.
Dos 18 centros escolares das catro provincias que competiron para mostrar as solucións que desenvolveron para responder o reto da liga, o que se alzou como equipo gañador do torneo foi o CPR Montecastelo, de Vigo, por conseguir levar a cabo a misión no menor tempo. O premio foi entregado por Inés Rey, alcaldesa da Coruña; Pilar Romero Vázquez-Gulías, presidenta da Fundación Barrié; e Antonio Couceiro, presidente de ITG.
Ademais, houbo outros catro equipos cuxa labor foi recoñecida: O CPR Eduardo Pondal, de Cangas, recibiu o premio ao mellor deseño; IES Fin do Camiño, de Fisterra, obtivo un recoñecemento por presentar a solución máis disruptiva; IES Carlos Casares, de Vigo, conseguiu o premio á destreza en voo; e o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, o premio á mellor presentación.
Así, ao longo da mañá, os máis de 180 estudantes de segundo de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) demostraron as competencias e habilidades STEM (das siglas en inglés Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) adquiridas ao longo do curso escolar grazas á súa participación en a Liga Maker Drone, unha iniciativa que ten como fin último “o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas das novas xeracións”.
E é que, tras recibir a formación específica impartida en cada un dos centros, os equipos participantes tiveron que idear, deseñar e programar unha solución dron para o transporte de medicinas a contornas rurais ou de difícil acceso no menor tempo posible. Para iso, a cada un dos centros facilitóuselle un vehículo aéreo non tripulado, formación e orientación por parte da organización. Desta volta, os colexios participantes deberon ter en conta á hora de deseñar a súa solución a dificultade engadida de entregar diferentes tipos de medicinas a centros médicos (simulados) situados en distintas localizacións. Ou sexa, requiríase que cada punto de entrega recibise un tipo de medicina concreta e, para iso, o dron, que simulaba partir desde un hospital, debía depositar a medicina idónea en cada centro médico.
Trátase de dar solución a unha situación que pronto veremos na vida real: a loxística sanitaria mediante este tipo de vehículos aéreos. Ademais, nesta edición, introducíronse dúas novidades técnicas na competición: por unha banda, o escenario no que se situaban os puntos de entrega estaba nun plano inclinado, o que requiriu dunha maior pericia por parte dos pilotos do dron, e, doutra banda, había un incentivo para voar máis alto, xa que as “medicinas” depositadas correctamente na parte superior outorgaban máis puntos.