O CPR Montecastelo gaña por 2º ano a Liga Maker Drone do ITG e a Fundación Barrié
venres, 8 de maio do 2026
Deseñar, programar e voar un sistema sobre un dron para realizar tarefas de mantemento en altura e previr así accidentes laborais. Ese foi o reto que tiveron que superar os máis de 170 estudantes participantes da V Liga Maker Drone, impulsada pola Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia). Para simulalo, e por primeira vez na historia da liga, os escolares enfrontáronse a un escenario en movemento, consistente nun aeroxerador de 10 metros de altura, sobre o que deberon proxectar un líquido en catro puntos sinalados, ademais de atravesar as súas aspas para realizar tres recollidas de material.
Dos 17 centros escolares das catro provincias galegas que competiron para mostrar as solucións que desenvolveron para responder o reto da liga, o que se alzou como equipo gañador do torneo, por segundo ano consecutivo, foi o CPR Plurilingüe Montecastelo de Vigo, por conseguir levar a cabo a misión no menor tempo.
O premio foi entregado por Inés Rey, alcaldesa da Coruña; Pilar Romero Vázquez-Gulías, presidenta da Fundación Barrié; e Carlos Calvo Orosa, director xeneral de ITG.
A colaboración especial nesta edición de ENAIRE, o xestor da navegación aérea en España, permitirá que o equipo gañador goce dunha exclusiva visita ao Centro de Control de Área Terminal de Santiago de Compostela. Durante esta experiencia, os estudantes coñecerán de primeira man o funcionamento do sistema de xestión do tráfico aéreo e o papel que desempeñan as infraestruturas e os profesionais que garanten a seguridade e eficiencia do espazo aéreo.
Ademais, houbo outros catro equipos cuxa labor foi recoñecida: o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, recibiu o premio ao mellor deseño; o CPR As Acacias de Vigo, obtivo un recoñecemento por presentar a solución máis disruptiva; o IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña) conseguiu o premio á destreza en voo; e o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz (Lugo), o premio á mellor presentación.
A xornada final de exhibición tivo lugar este venres 8 de maio no Coliseum da Coruña, contando coa asistencia de máis de 1.000 membros da comunidade educativa como espectadores. Así, ao longo da mañá, os máis de 170 estudantes de segundo de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) demostraron as competencias e habilidades STEM (das siglas en inglés Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) adquiridas ao longo do curso escolar grazas á súa participación na Liga Maker Drone, unha iniciativa que ten como fin último o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas das novas xeracións.
E é que, tras recibir a formación específica impartida en cada un dos centros, os equipos participantes tiveron que idear, deseñar e programar unha solución dron capaz de realizar traballos en altura. Para iso, a cada un dos centros facilitóuselles un vehículo aéreo non tripulado, formación e orientación por parte da organización. Ademais, por primeira vez nas cinco edicións da liga, os colexios participantes deberon ter en conta, á hora de deseñar a súa solución, a dificultade engadida de que o escenario do desafío, de 30 metros de ancho por 10 metros de altura, contase con elementos móbiles.
Outra novidade da competición desta edición foi que os sistemas dron de cada equipo deberon realizar unha dobre función. En primeiro lugar, proxectar un líquido en catro zonas do escenario (simulando pintura ou unha capa protectora na estrutura) e logo recoller tres caixas de ferramentas na parte máis alta do escenario para depositalas, unha a unha, nun contedor situado o chan.
Trátase dunha aplicación real da tecnoloxía enfocada á prevención de accidentes laborais, especialmente aqueles derivados de caídas, que representan unha porcentaxe significativa dos sinistros graves. De feito, só en España, en 2024 producíronse máis de 27.000 accidentes laborais vinculados a traballos en altura, lembraron dende a organización do certame.
Solución gañadora – CPR Plurilingüe Montecastelo
Presentou un dron autónomo para limpeza de aspas de aeroxeradores mediante pulverización de auga. O sistema integra un depósito intercambiable, minibomba de corrente continua, tubo de condución e embocadura direccional, controlados por un microcontrolador ESP32 con comunicación ESP-NOW. A innovación principal radica no mecanismo de agarre motorizado con dous motorredutores, substituíndo o sistema orixinal de suxeición manual, o que mellora robustez, precisión e estabilidade operativa. Adicionalmente, incorpora sensores TOF para medición de distancia, sinalización LED e cámara Wi-Fi para supervisión en tempo real, optimizando a manexabilidade e seguridade do piloto.
