O CUFIE (UDC) organiza este xoves unha xornada interuniversitaria sobre innovación docente

mércores, 18 de outubro do 2023 S. P.

Este xoves 19 de outubro o Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE) da Universidade da Coruña organiza, xunto coa USC e a UVigo, a primeira edición da Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID) que, segundo informou o dito centro, “aspira a ser un punto de encontro entre docentes universitarios de toda Galicia para poñer en común experiencias e tecer redes de colaboración das que poidan xurdir interesantes proxectos de futuro”.
Esta primeira edición das xornadas leva por título Contextos universitarios transformadores: tecendo redes de futuro, e celebrarase en modalidade híbrida, combinando a actividade en liña a través da plataforma UDCAberta, cunha xornada presencial, que terá lugar na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña.
As liñas temáticas seleccionadas para este primeiro encontro interuniversitario son a mellora dos procesos de ensino-aprendizaxe, as estratexias institucionais de innovación docente e a diversidade, igualdade e responsabilidade social e ambiental
O acto de inauguración terá lugar ás 9:30 horas, e contará coa asistencia de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades; Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña; Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Manuel Joaquín Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; e Nancy Vázquez, vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente da Universidade da Coruña.
A continuación celebrarase sesión plenaria baixo o lema Como deixar de xogar a innovar?, a cargo de Juan Freire Botana, do Innovation Hub Europe, fundación vinculada ao Institute for the Future of Education (IFE), pertencente ao Tecnolóxico de Monterrey.
Despois dunha breve pausa terán lugar dúas mesas redondas. Na primeira participarán os docentes Verónica Bolón Canedo (profesora da UDC e investigadora do CITIC)), Manuel Lama Penín (USC) e Manuel Caeiro Rodríguez (UVigo), e abordarán os ecosistemas tecnolóxicos emerxentes en educación superior, baixo a moderación de Juan Freire Botana.
A segunda, que versará sobre as tendencias pedagóxicas en educación superior, estará moderada por Conchi Fernández, asesora de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e contará coas intervencións de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades e os docentes Víctor Arufe Giráldez (UDC) Mercedes Novo Rodríguez (USC) e Olalla García Fuentes (UVigo).
Na xornada da tarde desenvolveranse tres obradoiros: o primeiro deles será ás 16:00 horas e nel o docente Francisco Javier Bellas (profesor da UDC e investigador do CITIC), falará das aplicacións da Intelixencia Artificial á docencia; o segundo obradoiro, ás 17:00 horas, tratará sobre a inmersión ao metaverso, e correrá a cargo de Martín López Nores, profesor da UVigo. Ás 18h celebrarase último obradoiro da tarde en el o profesor da USC Roi Méndez reflexionará sobre a realidade mixta na innovación docente.
A clausura do acto será ás 18:50 horas, e nela se entregarán os premios ás mellores comunicación das xornadas.