O Centro Gaiás Tech acolle a presentación de David Glowacki como novo investigador do CiTIUS

martes, 7 de xuño do 2022 S. P.

Entre as 11.00 e as 12.00 horas, celebrarase no Centro Gaiás Tech (Cidade da Cultura) a xornada de presentación do científico David Glowacki, un dos grandes referentes mundiais en materia de Realidade Virtual, con motivo da súa incorporación ao CiTIUS da USC.
A xornada dará comezo coa proxección dun vídeo de saúda do investigador (Ao final do Camiño) e coa benvida e introdución das autoridades, incluíndo as intervencións de Senén Barro, director científico do CiTIUS, Patricia Argerey, directora da GAIN (Axencia Galega de Innovación) e Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A continuación, sobre as 11.20 horas, será a quenda de David Glowacki, investigador ERC Consolidator Grant do CiTIUS contratado a través do programa Oportuniu de GAIN. A xornada rematará cunha rolda de preguntas.
Sobre o investigador
Glowacki incorporarase ao CiTIUS a través do programa Oportunius e co financiamento do Consello Europeo de Investigación (ERC) para desenvolver un novo paradigma para o deseño, a enxeñaría e a simulación a escala nanométrica.
“Os recentes avances no campo da Realidade Virtual, a informática, a tecnoloxía inmersiva e a Intelixencia Artificial, fan que este sexa un momento especialmente emocionante para iniciar este programa de investigación en particular, para producir novos coñecementos de investigación e para desenvolver novas e emocionantes formas que permitan que o público se involucre con diversas ideas científicas”. Con estas palabras resumía David Glowacki (Milwaukee, 1981), a ilusión de comezar unha nova etapa profesional na USC da man do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da universidade compostelá (CiTIUS) e o programa de captación de talento Oportunius, da Axencia Galega de Investigación (GAIN).
Glowacki desenvolverá o proxecto NANOVR, un ambicioso desafío científico que obtivo o respaldo do Consello Europeo de Investigación (ERC) a través dunha das súas axudas Consolidator Grant, dotada con case dous millóns de euros, e que ten como obxectivo “desenvolver un novo paradigma para o deseño, a enxeñaría e a simulación a escala nanométrica”.
David Glowacki é o fundador do grupo de investigación Laboratorio de Realidades Intanxíbeis (IRL, polas súas siglas en inglés), que a partir de agora terá a súa sede no CiTIUS.
Glowacki ten traballado amplamente na aplicación da Realidade Virtual á simulación e visualización científica interactiva. As súas achegas científicas dan fe da súa versatilidade: ten publicado en ámbitos tan distintos como a física molecular de non-equilibrio, a dinámica clásica e cuántica, a bioquímica computacional, a interacción persoa-ordenador, a computación de alto rendemento, os gráficos por computador , os algoritmos evolutivos, a aprendizaxe automática (Machine Learning) e a ciencia de datos, a estética dixital, a arte computacional interactiva, a relixión e o poder, a teoría cultural, a óptica ou o desenvolvemento de instrumentos científicos.
As obras de arte computacional inmersivas nas que David Glowacki traballou ao longo dos anos foron experimentadas por máis de 200.000 persoas en tres continentes.

PUBLICIDADE