O CiTIUS afiánzase internacionalmente cun proxecto para levar Big Data a Asia Central

xoves, 27 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC vén de dar un novo e relevante paso para afianzar a súa presenza no mundo. E faino a través do proxecto ELBA (Establishment of training and research centers and course development on Intelligent Big Data Analytics in Central Asia), que estará liderado durando os vindeiros tres anos polo profesor da universidade compostelá David E. Losada (adscrito ao CiTIUS), acompañado nesta andaina por Paula López e Tomás Fernández, tamén do dito centro, e do Servizo de Relacións Exteriores da USC.
O proxecto ELBA, no que participa un consorcio de medio cento de institucións de Europea e Asia Central, contribuirá a mellorar a capacitación de investigadores dos dous continentes no ámbito da análise de grandes cantidades de datos, o que se coñece familiarmente como Big Data.
O novo proxecto, que arrincou oficialmente este xoves 27 de febreiro coa xuntanza de lanzamento de ELBA na ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC), estará en vigor ata finais de 2022 e disporá dunha dotación orzamentaria próxima ao millón de eu.
En termos máis concretos, o CiTIUS explica que ELBA ten o obxectivo de “profundar no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías que contribúan a mellorar o Big Data Analytics, o paradigma de Intelixencia Artificial (IA) para o tratamento de inxentes cantidades de datos”.
A relevancia da iniciativa é aínda maior, explica o centro compostelán, se temos en conta as respostas que se esperan obter a curto e medio prazo do Big Data: as respostas a todo tipo de interrogantes, desafíos e retos científicos, investigadores e empresariais de gran complexidade, até agora difíciles de abordar pero cada vez máis asumíbeis co avance das tecnoloxías de cálculo e análise (Machine Learning, Deep Learning, etc). Neste punto, ELBA é un proxecto que quere achegar capacitación en Big Data onde até o de agora non existe ou está en proceso de desenvolvemento.
“Este proxecto é unha oportunidade para fortalecer as ligazóns con outras institucións europeas e de Asia Central nun eido tan punteiro como o do Big Data Analytics”, afirma o profesor Losada, engadindo que ELBA tamén busca “definir unha axenda para a mellora nas capacidades dos socios de Asia Central na formación e investigación en tecnoloxías de tratamento da información a gran escala, así como noutras tecnoloxías relacionadas”, explica.
Xunto a USC, institución coordinadora do proxecto, participan tamén outros dous socios europeos (Politécnico de Turín e Universidade de Primorska) e dez institucións de Asia Central, repartidas entre Usbequistán, Kazajistán, Kirguizistán e Tadxiquistán. As tarefas da USC estarán orientadas a mellorar a capacidade formativa dos socios da dita contorna xeográfica, facer seguimento e asesorar o desenvolvemento de plans de estudo en Big Data Analytics e proporcionar métodos e ferramentas de aprendizaxe en tecnoloxías intelixentes de procesado de datos masivos.
Socios do proxecto
Politécnico de Turín (Italia), Univerza na Primorskem universita do litorale (Koper, Eslovenia), Ao-xorazmiy Nomli Urganch Davlat Universiteti (Urgench Khore, Usbequistán), Bukhara Engineering Technological Institute (Bukhara, Usbequistán), International University of Information Technologies (Almati, Kazajistán), Kulob Institute of Technology and Innovation Management (Kulob, Tadxiquistán), Kyrgyz State Technical University Named after I. Razzakov (Bishkek, Kirguizistán), Osh Technological University (Osh, Kirguizistán), Republican State Enterprise Operating under the right of Economic Management A. Baitursynov Kostanay State University (Kostanay, Kazajistán), Tashkent Institute of Design, Construction and Maintenance of Automotive Roads (Tashkent, Usbequistán), Technological University of Tajikistan (Dushanbe, Tadxiquistán), Toshkent Shahridagi Turin Politexnika Universiteti (Tashkent, Usbequistán).

PUBLICIDADE