O CiTIUS analiza este venres os grandes retos da IA nas administracións

xoves, 31 de marzo do 2022 S. P.

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC) vai acoller esta semana unha mesa redonda na que se abordarán os novos desafíos que se presentan no camiño da incorporación das tecnoloxías intelixentes no sector público. A sesión, de carácter presencial e aberta a tódolos públicos, celebrarase entre as 9:30 e as 11:30 horas deste venres 1 de abril e será transmitida en directo desde o salón de actos do CiTIUS.
Os retos
Segundo indica o CiTIUS sobre os temas a tratar, a base da mesa redonda será o crecemento das tecnoloxías baseadas en intelixencia artificial (IA) e a incorporación progresiva e continua de capacidade cognitiva, cos servizos avanzados que resultan deste proceso (por exemplo sistemas de recomendación, ferramentas de predición ou asistentes conversacionais). O centro compostelán explica que o efecto imparábel da IA estase a notar tamén nas administracións públicas, “que empezaron a pór en marcha diversas iniciativas baseadas en Intelixencia Artificial para lograr uns servizos públicos máis eficaces e proactivos; unhas melloras que, como cabe esperar, deberán ser plenamente garantes dos dereitos das persoas ás que van dirixidas”.
En liña con esta preocupación, e co obxectivo de analizar os novos retos que presenta a incorporación destas tecnoloxías aos servizos da administración pública (así como as consideracións de tipo ético, legal e xurídico, socioeconómico e cultural que deberán terse en conta), o CiTIUS reunirá este venres a distintos expertos para abordar a cuestión, desde a perspectiva da investigación actual e no marco do que se coñece como “Intelixencia Artificial Fiáble”.

PUBLICIDADE