O CiTIUS celebra este sábado unha xornada de portas abertas
martes, 28 de novembro do 2017
O
CiTIUS, Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da
Información, vai estar aberto ao público en xeral o vindeiro 2 de
decembro. Esta xornada de portas abertas, que terá formato de
xornada de divulgación tecnolóxica (facendo fincapé nas liñas de
traballo do centro e algúns dos seus principais achados recentes),
será
compartida polos outros dous centros singulares da USC, o CiQUS,
centrado na química biolóxica e máis os materiais moleculares, e
mailo CiMUS, cuxo eido de acción son a medicina molecular e máis as
doenzas crónicas. Segundo informa a Universidade, esta cita coa
excelencia científica e tecnolóxica permitirá aos visitantes
“comprobar de primeira man o valor engadido que poñen estes tres
centros na sociedade”, traballando para mellorar a nosa calidade de
vida dende múltiples frontes e abranguendo non só a contorna
galega, senón o ámbito global.
Entre
as actividades programadas ao longo do día figuran demostracións
con drons, robots, e lentes 3D; obradoiros de experimentos en química
e biomedicina; circuítos de xeración de enerxía, teatros
científicos ou charlas divulgativas ofrecidas por investigadores
referentes como Angel Carracedo, María José Alonso ou Senén Barro.
Asemade, tamén se fará fincapé no alcance e no potencial de
tecnoloxías concretas desenvolvidas no marco de traballo dos
centros.
Estas
tecnoloxías, no caso do CiTIUS, teñen feitura de recursos dirixidos
a facernos a vida máis doada e para resolver, tamén, algúns dos
principais desafíos científicos mundiais que fan posíbel o noso
desenvolvemento. No caso do CiQUS, os seus achados céntranse na
saúde ou a industria (materiais funcionais, catálise). Polo que
atinxe ao CiMUS, céntrase na prevención, comprensión e tratamento
das enfermidades crónicas en áreas como cancro, endocrinoloxía e
nutrición, trastorno cardiovascular, neurociencias, xenética ou
xenómica Funcional, entre outras.
A
participación nesta xornada require inscrición previa
(completamente de balde) a través do formulario web disposto pola
organización. O programa está deseñado para facilitar a visita ós
tres centros (en quenda de mañá ou de tarde) a través do
itinerario completo. Segundo engade a USC, as persoas que non
dispoñan do tempo para facer o percorrido recomendado poden
participar tamén mediante inscrición na franxa horaria desexada,
ata completar aforo, co itinerario personalizado.