O CiTIUS conmemora cunha exposición o Día das Rapazas nas TIC

mércores, 24 de abril do 2019 Redacción

Este 25 de abril celébrase o Día Internacional das Rapazas nas Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) e as entidades da nosa terra non queren deixar pasar a oportunidade lembrar o importante que é acadar a igualdade no eido dixital, ao igual que nos restantes eidos sociais, culturais, políticos, científicos ou empresariais. Amais do CESGA e o CPEIG, que celebran unha xornada rebordante de actividades na sede do primeiro centro, o CiTIUS da USC tamén quere facer un chamamento a prol de botar abaixo os atrancos que poden separar ás rapazas dos estudos tecnolóxicos. Para iso, abre este xoves unha exposición nas súas dependencias no Campus Sur.
A mostra repasa as contribucións das científicas e tecnólogas destacadas na historia para facer visíbel o seu legado e promover vocacións tecnolóxicas entre nenas e mulleres novas. A exposición estará aberta ao público de luns a venres de 10 a 15 horas e de 16 a 19 horas, ata o 31 de maio.
A problemática
Segundo lembra o CiTIUS, un número cada vez menor de mulleres escolle estudos relacionados coa enxeñaría ou a informática nun mundo progresivamente máis tecnolóxico. Segundo o Ministerio de Educación e Formación Profesional (datos en formato PDF), só representaban o 12,2% do alumnado matriculado na titulación de Informática ou o 28,4% dos graos en Enxeñaría, Industria e Construción (estes dous datos corresponden ao curso 2017-2018). “Isto”, sinala o centro compostelán de investigación TIC, “tradúcese en menos participación feminina nestas profesións e, en última instancia, nunha fenda dixital de xénero que exclúe ás mulleres de postos de traballo precisamente mellor pagados”. En base a isto, engade o CiTIUS, “promover as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e mulleres novas é esencial para lograr unha sociedade máis igualitaria”. Con este obxectivo, o centro únese este 25 de abril ao Día Internacional das Rapazas nas Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) coa exposición As mulleres no mundo das TIC.
A mostra, que repasa algunhas das achegas realizadas ao longo da historia por distintas mulleres adiantadas o seu tempo, poderase visitar desde mañá ata o 31 de maio, de luns a venres de 10 a 15 h e de 16 a 19 h. Ao rematar, os centros educativos interesados poderán solicitar que a exposición se exhiba temporalmente nas súas instalacións. Asemade, os pósters ficarán tamén dispoñíbeis en datas vindeiras na páxina web do CiTIUS para a súa descarga e impresión de balde, con fins educativos ou informativos.
As mulleres que compoñen a exposición son: Ada Lovelace, primeira programadora da historia; Roberta Williams, creadora da primeira aventura gráfica; Ángela Ruiz Robles, precursora do libro electrónico; Katherine Johnson, calculadora da NASA responsable da traxectoria do voo do primeiro estadounidense no espazo; Frances E. Allen, primeira muller en gañar o Premio Turing, o Nobel da computadora; Ana María Prieto López, pioneira galega da programación en España, Hedy Lammar, co-inventora do sistema do espectro ensanchado, precursora do Wi-Fi; Grace Hopper, pioneira en linguaxes de programación e creadora do primeiro compilador; as programadoras do ENIAC, o primeiro ordenador de propósito xeral; e Joan Clarke, excepcional analista de datos cifrados en mensaxes enviadas por submarinos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.


PUBLICIDADE