O CiTIUS convocou estudantes de diferentes países para formárense en intelixencia artificial

luns, 24 de xullo do 2017 Redacción

A Universidade de Santiago, a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS), foi a semana pasada un referente galego, estatal e internacional en materia de sistemas e tecnoloxías artificiais de intelixencia. O motivo? A celebración no devandito centro, de maneira simultánea, das escolas de verán SFLA e EVIA. Ambas achegas formativas compartiron algo máis que temática xeral e tempada: compartiron o fluxo de coñecemento avanzado, sen atrancos, para fortalecer e optimizar a capacidade de resposta das máquinas e para abrir e asentar novos e inesperados usos da intelixencia artificial.
Segundo nos conta a USC, a terceira Escola de Verán Internacional en Lóxica Borrosa e Aplicacións (SFLA 2017) contou coa participación de recoñecidas figuras da área. Promovido pola European Society for Fuzzy Logic and Technologies (EUSFLAT), o encontro fomentou a participación en sesións de debate con algúns dos máis reputados expertos en intelixencia artificial, “nun intercambio fluído destinado a promover o intercambio de coñecemento entre persoal científico”. Ademais, a organización de SFLA 2017 impulsou entre os participantes o concurso YTD: Your Thesis in a Dram (A túa tese nun grolo), unha competición á que concorreron oito doutorandos e na que o gran obxectivo foi defender ante a audiencias os principais obxectivos do seu traballo de doutoramento nun máximo de 3 minutos. Os dous premios, patrocinados polas empresas tecnolóxicas Vodafone e Accenture, entregáronse o venres 21 no acto de clausura da escola.
Pola súa banda, a Escola de Verán en Intelixencia Artificial EVIA celebrou a súa terceira edición. Trátase dun encontro estatal que vén da man da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA), constituíndose, en palabras da USC, “como un foro único para estudantes de grupos de investigación de IA en España”. O seu obxectivo fundamental é construír relacións de cooperación científica desde o comezo das súas carreiras, “incentivando un ambiente amigábel e creativo que favoreza a comunicación”, tanto entre o alumnado da escola como cara aos relatores que asumiron as funcións de docencia durante EVIA 2017.
Ambas escolas contaron co apoio de dúas redes de investigación nacionais en Lóxica Difusa e Big Data (información a gran escala) e o patrocinio das empresas Vodafone e Accenture.

PUBLICIDADE