O CiTIUS da USC colaborará con Microsoft no desenvolvemento de modelos de IA multilingüe

martes, 5 de agosto do 2025 S. P.

Exterior do CiTIUS da USC nunha imaxe de Santi Alvite

Microsoft fixo público que vai colaborar con tres centros de investigación de referencia en España, entre eles o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS). A finalidade destas sinerxías é “desenvolver modelos fundacionais de Intelixencia Artificial en linguas oficiais do Estado”.
Segundo fixo saber a Universidade de Santiago, da que depende o CiTIUS, o anuncio “constitúe un novo paso na estratexia da compañía para impulsar tecnoloxías da linguaxe baseadas en IA abertas, responsables e adaptadas á diversidade lingüística europea, e pon os alicerces para liderar o desenvolvemento de modelos de linguaxe específicos para o catalán, o éuscaro e mais o galego”.
O desenvolvemento do modelo para este último correrá a cargo do centro compostelán. As outras dúas entidades seleccionadas son o Barcelona Supercomputing Center (BSC) e o centro HiTZ da Universidade do País Vasco.
Microsoft subliñou “a importancia de desenvolver modelos fundacionais multilingües que inclúan as linguas oficiais europeas”, co obxectivo de “preservar o patrimonio cultural e desbloquear oportunidades económicas en toda Europa”. A compañía destaca que esta iniciativa permitirá “pechar a fenda lingüística dixital” e garantir que “todas as linguas europeas estean representadas na IA do futuro”. Os modelos desenvolvidos estarán aloxados na plataforma Azure AI Foundry, no marco do programa Microsoft Open Innovation Center (MOIC). O obxectivo será crear modelos fundacionais que faciliten a integración de todas as linguas oficiais do Estado en sistemas dixitais avanzados, garantindo a súa presenza nas tecnoloxías de IA máis influentes do presente e o futuro.
A USC engade que “a elección do CiTIUS como centro responsable do modelo en galego reforza o papel da institución compostelá como referente no ámbito das tecnoloxías lingüísticas, sumándose Galicia ao mapa internacional de innovación en IA, cunha proposta desenvolvida dende a contorna académica e pública que pon o foco na diversidade e a inclusión dixital”.
Proxecto Nós
O CiTIUS e a USC teñen ás súas costas unha importante bagaxe en materia de IA e lingua grazas ao Proxecto Nós. Lanzado en 2020, é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral da Lingua), encomendada á Universidade de Santiago de Compostela a través do CiTIUS e o Instituto da Lingua Galega (ILG) co obxectivo de garantir a presenza do galego na contorna dixital do século XXI. O proxecto foi clave na creación de infraestruturas lingüísticas de base: dende corpus abertos e bancos de datos ata ferramentas de tradución automática, síntese e recoñecemento de voz. En 2023, o equipo presentou Carballo, o primeiro modelo lingüístico de gran escala adestrado integramente en galego.
A USC salienta que “os avances logrados no marco de Nós situaron Galicia no mapa da IA europea, achandando o camiño para esta nova etapa de colaboración internacional”.
Antes, o proxecto tivo continuidade a través das iniciativas ILENIA (Impulso das Linguas na Intelixencia Artificial), centrada na creación de recursos e ferramentas lingüísticas para as linguas cooficiais, e ALIA (Artificial Linguistic Intelligence for Administration), unha alianza público-privada para desenvolver modelos fundacionais de IA orientados á Administración Pública multilingüe. Ambas as iniciativas foron financiadas polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, consolidando o papel do CiTIUS no desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas no marco dunha estratexia estatal.
Nun novo fito nesta liña de investigación, o CiTIUS incorpórase agora a unha iniciativa que define o futuro dos modelos fundacionais de IA, “contribuíndo ao progreso tecnolóxico cunha proposta construída en galego, dende Galicia e con proxección global”, explicou a USC.