O CiTIUS e Balidea presentan o prototipo de Smart Cardia, a plataforma que marca un antes e un despois na rehabilitación cardíaca
xoves, 25 de marzo do 2021
Este
25 de marzo fíxose
balance do conseguido ao abeiro do proxecto galego Smart Cardia, que
tiña por obxectivo crear tecnoloxías para facilitar a xestión da
rehabilitación cardíaca. O prototipo resultante, xa rematado,
foi un dos eixes temáticos da presentación deste xoves, na que
participaron investigadores do CiTIUS e Balidea, que fixeron saber
que a plataforma xa foi validada polo equipo de Rehabilitación
Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Os
resultados de Smart Cardia, plataforma que incorpora tecnoloxías
baseadas en Intelixencia Artificial (IA) para a xestión clínica do
proceso de rehabilitación cardíaca en pacientes que sufriran un
infarto agudo de miocardio, presentáronse este 25 de marzo en
convocatoria virtual.
O
proxecto, co-financiado pola Axencia Galega da Innovación (GAIN) a
través do programa Conecta PEME, foi desenvolvido polo CiTIUS e a
empresa Balidea baixo o asesoramento de cardiólogos do CHUS, como o
doutor Carlos Peña, que liderou a definición e o desenvolvemento
desta iniciativa.
Ao
longo deste ano culminou a elaboración dos seis módulos que
integran a plataforma: módulo de xestión intelixente, módulo de
interfaces gráficas, módulo de interacción intelixente, módulo de
xeración automática de informes, módulo de gamificación
de plans de saúde, e módulo de predición de impacto do programa
nos pacientes. Asemade, acometeuse a integración das distintas
partes e a validación do conxunto no marco do programa de
rehabilitación cardíaca.
Trátase
dun proxecto de investigación levado a cabo polo consorcio de
empresas liderado pola compañía Balidea (líder do proxecto), no
que tamén participan Imagames (spin-off do CiTIUS) e SM
Tecno, ademais do propio CiTIUS (USC) e a Fundación IDIS (SERGAS).
Da
benvida á presentación en convocatoria virtual encargouse Maria del
Carmen López, responsábel da área de I+D+i de Balidea; e da súa
moderación, Rocío Mosquera, presidenta do CSG e xerente de Galaria.
Interviñeron
na presentación tamén o doutor Carlos Peña Gil, membro da
Fundación IDIS e responsábel do programa de rehabilitación
cardíaca do CHUS (Sergas), que salientou “como a dixitalización
contribúe a mellorar o proceso de rehabilitación cardíaca”.
Pola
súa banda, José Gandarela, técnico do proxecto na área de I+D+i
de Balidea, explicou o resultado final da ferramenta intelixente de
soporte ao proceso de rehabilitación cardíaca.
O
catedrático Alberto Bugarín, investigador vinculado ao CiTIUS,
centrou a súa intervención na tecnoloxía Data2Text, a Intelixencia
Artificial usada no proxecto para a xeración automática de informes
en linguaxe natural; o doutor Manuel Lama, tamén adscrito ao CiTIUS,
falou da tecnoloxía baseada en Intelixencia Artificial que incorpora
a plataforma, que é capaz de predicir o grao de beneficio que
obterán os pacientes co programa de rehabilitación.
Javier
López, de Imagames, debullou as posibilidades da gamificación
para a optimización de procesos; e finalmente, Víctor Souto, de SM
TECNO, dedicou a súa intervención a abordar a temática das
interfaces intelixentes.
Rehabilitación
cardíaca controlada, segura e de calidade
A
finalidade do proxecto Smart Cardia foi desenvolver unha plataforma
que facilitase aos profesionais sanitarios a xestión do proceso
de rehabilitación cardíaca, integrando compoñentes intelixentes e
preditivos e interfaces gráficas cun maior grao de usabilidade.
Convértese así, en palabras do CiTIUS e Balidea, “nunha
ferramenta idónea para a posta en marcha de programas de
rehabilitación cardíaca, permitindo que, desde o primeiro día, os
profesionais sanitarios traballen no marco dun proceso seguro e
predicíbel, sen variabilidade e controlado, contando ademais con
indicadores de calidade”. Tamén puxeron o foco nun dos grandes
obxectivos: é unha plataforma pensada como apoio aos profesionais
sanitarios que interveñen neste tipo de procesos, como cardiólogos,
persoal de enfermaría especializada, fisioterapeutas, médicos
rehabilitadores, endocrinólogos, médicos de atención primaria e
enfermería comunitaria.