O CiTIUS inaugura as xornadas sobre medicamento e Intelixencia Artificial

mércores, 10 de novembro do 2021 S. P.

O Aulario Novoa Santos do Hospital Clínico de Santiago de Compostela acolle hoxe, a partir das 16.00 horas, a primeira das dúas xornadas do evento Intelixencia Artificial en Medicamento: das implicacións ás aplicacións. Trátase dun cita tecnolóxica organizada polo CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) da USC e o IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago), directamente encamiñada a pór de relevo as cousas que poden facer no ámbito sanitario as ferramentas con capacidade de analizar e xestionar información, comunicarse e tomar decisións. O evento, patrocinado polo xigante tecnolóxico Microsoft, terá a súa continuidade o 17 de novembro de 2021.
As xornadas estrutúranse en distintos paneis temáticos interactivos, “cun enfoque multidisciplinar e nun formato híbrido”, que integrará tanto asistentes presenciais como a distancia, explican fontes do CiTIUS, engadindo que o programa inclúe diversas aproximacións aos fundamentos da IA e, tamén, a algunhas aplicacións de uso común.
As xornadas teñen a súa orixe na necesidade de abrirnos camiño na Intelixencia Artificial (IA) que é xa “a tecnoloxía cun maior potencial transformador das que se desenvolveron até a data”. O seu papel, salienta o CiTIUS, “resulta esencial en múltiples ámbitos da nosa vida diaria, intervindo en todos os sectores de actividade, entre eles o eido do medicamento, cuxo futuro pasa por unha incorporación constante dos avances tecnolóxicos”. Entre estes avances sitúase por exemplo a aprendizaxe automática (Machine Learning), que permite xa en moitos casos realizar diagnósticos con gran precisión, así como detectar patoloxías con escasas marxes de erro. “O tándem formado polas tecnoloxías intelixentes e os especialistas nas distintas disciplinas médicas será unha garantía de progreso no porvir do medicamento”, explica o CiTIUS.

PUBLICIDADE