O CiTIUS lanza nas Cancelas un convite ás nenas e mozas a apostaren pola tecnoloxía
venres, 11 de febreiro do 2022
Coincidindo
coas celebracións deste 11 de febreiro, Día das Mulleres e as Nenas
na Ciencia, o Centro Comercial As Cancelas de Santiago acollerá
desde este venres unha mostra de 9 investigadoras do eido da
tecnoloxía en distintas fases da súa carreira, que reflexionan
sobre o seu papel como mulleres e científicas do CiTIUS (Centro
Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC). As
súas mensaxes, sinala o centro, están dirixidas a nenas e rapazas
de tódalas idades. O obxectivo: mostrarlles as vantaxes,
posibilidades e beneficios de elixiren unha carreira STEM.
A
exposición #SomosQuen: científicas preto de TI vén da man
do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da
Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) en colaboración
co Centro Comercial As Cancelas.
A
mostra, de acceso libre e aberta a todo tipo de públicos, está
especialmente dirixida ao alumnado feminino máis novo, e poderase
visitar no andar baixo do centro comercial entre a apertura e o peche
das instalacións, desde as 11:00 deste venres ata última hora da
tarde do xoves 17 de febreiro.
O
obxectivo desta iniciativa é duplo: por unha banda, servir de
inspiración e contribuír a espertar novas vocacións investigadoras
entre as nenas e rapazas que aínda non decidiran o seu futuro
académico; por outro, a mostra trata tamén de promover e divulgar o
labor científico desenvolvido polo CiTIUS como centro de
investigación de referencia, poñendo especialmente en valor o papel
da muller no ámbito da tecnoloxía.
Paula
López, directora adxunta do CiTIUS e unha das participantes da
mostra, salientaba a importancia de aproveitar estas efemérides para
mostrar e reivindicar o traballo que fan as investigadoras do centro:
“a exposición pareceunos un bo xeito de levar a ciencia á rúa,
unha idea atractiva e próxima coa que presentar o feito de ser
muller e ser investigadora como algo natural”.
Ademais
de Paula López, a mostra conta tamén coa participación das
investigadoras Dora Blanco, Mariña Canabal, María José Carreira,
Ledicia Díaz, Iria de Dios, Faranak Karimpour, Celia Outes, e Silvia
Rodríguez.