O CiTIUS lanza un videopodcast multiplataforma para comunicar os seus achados ao mundo: Mentes Singulares

mércores, 22 de decembro do 2021 S. P.

O CiTIUS da USC (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) vai rematar 2021 cunha nova iniciativa de divulgación que pon o foco nun dos grandes ámbitos de actividade do centro: a Intelixencia Artificial. Estamos a falar de Mentes Singulares, un videopodcast multiplataforma producido dende o CiTIUS e que xorde coa arela de “crear un espazo de opinión e debate sobre cuestións relacionadas coas principais liñas científicas do centro”, pondo de relevo o labor desempeñado polas persoas que traballan nel.
O podcast viu a luz recentemente cun primeiro programa sobre supercomputación, que abre a tempada dando a benvida a un invitado de honra: Mateo Valero, fundador e director do Barcelona Supercomputing Center (BSCC-CNS) e un dos investigadores máis reputados a nivel internacional no ámbito da computación de altas prestacións.
“Trátase dun formato que ano tras ano vai adquirindo máis e máis relevancia nas canles dixitais”, afirman os seus creadores, engadindo que a iniciativa alíñase co proceso de transformación e renovación do CiTIUS cara a novos formatos e medios dixitais, buscando un contacto máis estreito coa comunidade investigadora internacional e coa cidadanía en xeral: “Cremos que era o momento de apostar por unha imaxe máis coherente co contexto actual, dominado polas narrativas transmedia e a linguaxe dixital”.
Mentes Singulares non se limitará a afrontar só o reto de entreter ao público interesado nas diferentes temáticas que se debaterán ao longo da tempada (intelixencia artificial, deseño microelectrónico, realidade aumentada, etc.), senón que aspira a converterse, a maiores, “nun altofalante de prestixio para a comunidade científica”.
Cunha duración aproximada de entre 45 e 60 minutos, cada programa reunirá facianas do centro xunto a persoas convidadas do mundo da ciencia, as letras, a cultura ou o mundo da empresa. Os programas organizaranse ao redor de temáticas relevantes relacionadas coas capacidades e proxectos que levan a cabo no CiTIUS (aprendizaxe automática, computación de alto rendemento, eSaúde, etc) e darán pé ao debate e a reflexión sobre cuestións de actualidade de alto interese social.
Mentes Singulares foi concibido como un produto multicanle, polo que pode seguirse tanto desde a súa plataforma orixinal de vídeo (YouTube) como a través das principais plataformas de consumo de podcasts (Spotify, TuneIn, iVoox, Google Podcasts e Apple podcasts).

PUBLICIDADE