O CiTIUS licencia o seu corrector gramatical Avalingua a unha spin-off da Universidade de Oxford

luns, 31 de maio do 2021 S. P.

O investigador do CiTIUS Pablo Gamallo

O CiTIUS vén de dar dous relevantes pasos en excelencia tecnolóxica, máis en detalle no ámbito da Intelixencia Artificial ao servizo da lingüística. Segundo informa o centro compostelán, dependente da Universidade de Santiago, as técnicas desenvolvidas neste eido veñen de acadar un importante impacto internacional grazas ao licenciamento do corrector gramatical Avalingua a unha spin-off da Universidade de Oxford. Por outra banda, o investigador Pablo Gamallo foi elixido co-presidente do Congreso Internacional de Procesamento Computacional da Lingua Portuguesa (PROPOR 2022), o principal evento científico na área do procesamento das linguas naturais no ámbito lusófono, que por primeira vez incluirá o galego como lingua de traballo.
Avalingua expándese
A empresa británica ProWritingAid adquiriu os dereitos de explotación para o español de Avalingua, un sistema de corrección e avaliación automática da calidade lingüística dos textos, que emprega técnicas de procesamento da linguaxe natural baseadas en Intelixencia Arficial para detectar e clasificar erros e desviacións a diferentes niveis lingüísticos (ortográfico, léxico, morfolóxico, sintáctico e de estilo). O sistema foi desenvolvido no CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela) por un equipo de expertos no deseño e implementación de tecnoloxías lingüísticas, formado polos investigadores Isaac González, Pablo Gamallo, Marcos Garcia e Daniel Bardanca.
O CiTIUS lembra que o proxecto Avalingua naceu hai case unha década co desenvolvemento dun prototipo para o galego creado no seo de Cilenis (antiga spin-off do centro compostelán), recoñecida en 2014 coa Honorable Mention na final do Building Global Innovators, unha iniciativa do prestixioso centro de investigación estadounidense Massachusetts Institute of Technology (MIT) destinada a mostrar e dar impulso a proxectos innovadores.
O interese da empresa británica ProWritingAid pola ferramenta comezou a materializarse hai aproximadamente un ano, poñendo o foco na súa potencial aplicación á lingua española. A compañía, unha spin-off da Universidade de Oxford que na actualidade comercializa un potente corrector gramatical e editor de estilo para inglés, viu en Avalingua “unha oportunidade para abrirse paso no mercado hispano falante”.
Tras unha serie de conversas e sucesivos acordos, os investigadores do CiTIUS comezaron a traballar na adaptación ao español de Avalingua, contando para iso co financiamento do Acelerador de Transferencia de Emprendia (USC), que tamén tramitou a licenza de transferencia tecnolóxica coa compañía.
O licenciamento definitivo á startup do Reino Unido aprobouse finalmente en consello de goberno da USC o 25 de febreiro de 2021, establecendo regalías do 7% para a universidade sobre os produtos que se deriven do software e negando a posibilidade do uso exclusivo de Avalingua por parte de ProWritingAid.
Primeira presidencia galego-europea dun congreso transoceánico
A outra das grandes novidades do CiTIUS ten novamente de protagonista a Pablo Gamallo. Así, os investigadores Gamallo e Marcos Garcia veñen de ser nomeados presidentes e responsábeis da liña de obradoiros e tutoriais, respectivamente, na edición número quince da International Conference on Computational Processing of Portuguese (PROPOR), un congreso científico de máxima relevancia no eido do procesamento computacional do portugués, que terá lugar o vindeiro ano na Universidade da Fortaleza (Brasil), e que por primeira vez inclúe o galego como unha das linguas oficiais de traballo.
En palabras de Gamallo, “é unha oportunidade magnífica para promover a publicación de novos traballos científicos relacionados coa lingua galega”. Gamallo e Garcia, desde as súas responsabilidades no encontro, promoverán o envío de traballos relacionados co galego entre os equipos científicos deste eido de coñecemento, que dende o pasado día 17 de maio están chamados a compartir as súas achegas a ámbalas dúas beiras do Atlántico.
O congreso PROPOR celebrarase en 2022 na cidade brasileira de Fortaleza, centrando a súa actividade en cuestións teóricas e tecnolóxicas do portugués e, nesta ocasión, tamén do galego. “É un desafío para motivar á xente que traballa coa nosa lingua, a ocasión perfecta para que se dinamice máis a colaboración galego-portuguesa”, afirma Pablo Gamallo, quen aspira a que esta nova vía de intercambio científico anime cada vez a máis xente a colaborar nesta área.

PUBLICIDADE