O CiTIUS lidera un consorcio europeo de persoas e máquinas contra a desinformación

mércores, 25 de xaneiro do 2023 S. P.

O CiTIUS da USC presentou este 25 de xaneiro os detalles dun proxecto europeo contra a desinformación nas redes. Trátase do consorcio HYBRIDS, unha iniciativa internacional liderada polo CiTIUS e financiada con 2,9 millóns de euros polo programa europeo Marie Sklodowska-Curie Doctoral Networks e o fondo de garantía Horizonte Europa do UKRI. Neste marco de traballo mobilízase “unha alianza estratéxica entre Intelixencia Artificial e coñecemento humano, entre máquinas e persoas, contra a proliferación das noticias falsas e discursos de odio”, en palabras do centro compostelán emprazado no Campus Vida, que lembra que “a desinformación tense convertido hoxe nunha das maiores ameazas sociais para a estabilidade das democracias modernas”. Sobre todo porque carga contra todo tipo de colectivos vulnerábeis, agravando a súa situación, e contribúe á discriminación.
“Os parlamentos e os gobernos das distintas nacións están a tomar conciencia da necesidade dunha estratexia global contra a desinformación, asumindo que a estabilidade das sociedades democráticas depende, tamén, de que a cidadanía teña acceso a datos verificábeis, sendo así libre de construír as súas propias opinións a partir de coñecemento obxectivo, cuxa veracidade poida ser demostrada”, explican dende o CiTIUS, engadindo que é neste contexto onde xuntan forzas a Unión Europea (UE) e o UKRI (UK Research and Innovation do Reino Unido) para apoiar un novo proxecto de investigación transnacional cuxo obxectivo científico será “deseñar e desenvolver novas ferramentas automáticas para contrarrestar a ameaza das fake news, baseadas no Procesamento da Linguaxe Natural (PLN) e a Intelixencia Artificial (IA)”.
Ao longo da iniciativa HYBRIDS (Intelixencia híbrida para monitorizar, promover e analizar transformacións nas boas prácticas democráticas), desenvolveranse diferentes técnicas de aprendizaxe profunda (Deep Learning) a partir dunha análise exhaustiva do discurso público sobre temas cruciais a nivel global, como a saúde, a crise climática, o escepticismo europeo ou a inmigración, que terá en conta tanto os medios de comunicación tradicionais como os contidos publicados a través das redes sociais.

Imaxe da xuntanza celebrada este mércores 25 no CiTIUS

O CITiUS engade que dende a súa concepción inicial, HYBRIDS asumiu a necesidade de contar cun equipo de investigación multidisciplinar, “capaz de trasladar os coñecementos adquiridos nas ciencias humanas e sociais ás ferramentas tecnolóxicas baseadas nos algoritmos de PLN e DL”. Pablo Gamallo, experto en lingüística computacional e máximo responsábel do proxecto desde a institución líder en España (o CiTIUS - Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela), afirma que “o obxectivo final é xerar novos sistemas de interpretación neuro-simbólica, algo que coñecemos como intelixencia híbrida». O investigador resume deste xeito a esencia do proxecto: “A idea de intelixencia híbrida consiste en combinar as altas capacidades computacionais dos recentes algoritmos neuronais con representacións simbólicas que modelan o coñecemento humano, achandando así o camiño para superar as carencias dos actuais métodos de Intelixencia Artificial», explica.
A posta en marcha de HYBRIDS contribuirá tamén á formación de perfís en metodoloxías híbridas, que achegarán a súa experiencia neste e noutros estudos sociais cun alto impacto potencial na sustentabilidade das boas prácticas democráticas en Europa.
HYBRIDS é o resultado dun consorcio internacional liderado desde Santiago de Compostela (España) polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), e nel participan un total de 14 membros (8 beneficiarios – 6 socios) de 7 países europeos: Francia, Alemaña, Italia, Portugal, España, Países Baixos e Reino Unido. Entre as institucións figuran 6 universidades (Queen Mary University of London, Radboud Universiteit, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Université Caen Normandie and Universidade de Evora); 3 centros de investigación (Consello Superior de Investigacións Científicas, Fondazione Bruno Kessler, Leibniz-Institut für Sozialwissenschaften); 2 fundacións sen ánimo de lucro (Fondazione Openpolis ETS, Fundación Empresa Universidade Galega) e 3 empresas privadas (Factoria Software e Multimedia, Industrieanlagen Betriebsgesellschaft MBH e Newtral Media Audiovisual). Tralo comezo oficial do proxecto, celebrado o 1 de xaneiro de 2023, as distintas institucións déronse cita este 25 de xaneiro no encontro de lanzamento da iniciativa HYBRIDS, celebrada no CiTIUS (Santiago de Compostela).

PUBLICIDADE