O CiTIUS loce proxectos de Intelixencia Artificial na nova edición da xornada Ciencia Singular

martes, 15 de novembro do 2022 S. P.

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC celebrará este sábado 19 o Mes da Ciencia cunha xornada múltiple e simultánea de portas abertas que ten o obxectivo de aproximar as investigacións dos centros da Rede á cidadanía. A xornada Ciencia Singular celébrase por sexto ano consecutivo para “dar a coñecer os últimos avances en química, física, medicina molecular ou tecnoloxías intelixentes”. Deste último ámbito (as ferramentas IA) encargarase novamente o CiTIUS.
En palabras da USC, constitúe un espazo de reflexión colectiva ao redor da ciencia que, por enriba de todo, permite tamén pasar unha divertida xornada en familia”.
As actividades deste evento, financiado pola Consellería de Cultura e Educación, desenvolveranse ao longo de toda a xornada do sábado, e para participar nelas será imprescindíbel realizar inscrición previa na ligazón específica habilitada.
CiTIUS
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) mantén a súa aposta por aliñar os demostradores da xornada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentel (ODS), e acollerá ao longo do día distintas conferencias e visitas guiadas con temáticas tan variadas como o uso de tecnoloxías Big Data para a detección de desinformación médica, ou a exploración interactiva de grandes volumes de datos de observación ambiental. A visita permitirá aos máis pequenos e pequenas achegarse ás tecnoloxías intelixentes, dándolles a oportunidade de vivir experiencias como manexar un brazo robótico, enfrontarse durante unha partida de scalextric a coches dotados de IA que aprenden de maneira autónoma, ou descubrir como funcionan pequenos humanoides. Mentres, os maiores poderán tamén experimentar nun marco de Realidade Virtual como é reimaxinarse a un mesmo, aos demais e ao mundo microscópico que nos rodea.
CiQUS
As persoas que visiten o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) converteranse en "detectives moleculares" por un día, e deberán permanecer ben atentos para poder identificar moléculas. Ademais, os e as visitantes poderán infiltrarse nos laboratorios, coñecer in situ como traballa o persoal científico do centro e conversar con eles e elas sobre desafíos tan interesantes como os materiais grafénicos ou o uso de nanoferramentas con aplicacións biolóxicas. Os máis pequenos divertiranse xogando con polímeros, observando como brillan algunhas bacterias mediante unha proteína fluorescente, ou aprendendo os segredos da cociña molecular, entre outras sorpresas preparadas para a xornada.
CiMUS
Con motivo da celebración do Ano de Investigación Santiago Ramón y Cajal, o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) organizará, entre outros, un conxunto de talleres de divulgación dedicados ás neurociencias. Ademais, os visitantes poderán acceder ao laboratorio dedicado ao descubrimento temperán de fármacos, e asistir a un programa de charlas divulgativas no que se abordarán temas como o autismo, as doenzas cardiovasculares, a epitranscriptómica ou a que ritmo envellecemos. “Os e as máis pequenas converteranse en verdadeiras científicas observando ao microscopio mostras de células animais e vexetais, alén de aprender unha correcta saúde bucodental á vez que elaboran un dentífrico natural, ou a importancia da hixiene mentres fabrican un xabón personalizado”, sinalan dende o CiMUS a respecto dos obxectivos desta xornada.
IGFAE
As charlas divulgativas do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, achegarannos aos eventos máis extremos do universo, as ondas gravitacionais e os buracos negros, pero tamén ás aplicacións médicas da física e ao corazón da materia. Os obradoiros permitirán coñecer e detectar en tempo real a radiación que nos chega do espazo, alén de penetrar nun laboratorio de aceleración láser, mentres que os pequenos poderán gozar dun divertido espectáculo de experimentos utilizando o método científico. O programa do IGFAE complétase cun conxunto de exposicións autoguiadas, unha delas con motivo do décimo aniversario do descubrimento do bosón de Higgs e a outra cunha carta de núcleos construída con Legos para visualizar os isótopos en tres dimensións.
Os centros organizadores contan coa acreditación e o financiamento da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través do Programa de axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), co financiadas a través de FEDER (programa operativo FEDER Galicia 2014‐2020).

PUBLICIDADE