O CiTIUS organiza en Compostela o evento referente sobre linguaxe natural, o Congreso INLG
martes, 5 de setembro do 2017
O centro compostelán
CiTIUS, dependente da Universidade de Santiago e emprazado no Campus
Sur, está
a organizar estes días en Compostela un evento que pasa por ser a
xuntanza de referencia internacional en materia de Xeración de
Linguaxe Natural (polas súas siglas en inglés, NLG). O
encontro, que chega por vez primeira a territorio estatal, comezou
onte e esténdese até este 7 de setembro. Participan representantes
de compañías sobranceiras como Microsoft, eBay ou IBM e máis de
100 expertos de 20 países e catro continentes (América, África,
Asia, e Europa). A décima edición do Congreso
Internacional INLG
(International Natural Language Generation)
xira arredor dun aspecto concreto da intelixencia artificial que xa é
unha realidade constatada: a capacidade das máquinas para
comunicarse de maneira perfectamente comprensíbel a través das
linguaxes oral e escrita.
Como
dixemos, a organización da edición galega do evento corre a
conta do CiTIUS, que con esta nova cita promovida polo Grupo de
Sistemas Intelixentes culmina unha tempada estival ateigada de
encontros científicos referenciais, incluíndo duas
escolas de verán en Intelixencia Artificial e o Congreso
Internacional Euro-Par
2017, referente europeo en computación paralela e distribuída.
Entre os asistentes
máis salientábeis ao congreso está o profesor Ehud
Reiter, catedrático de Lingüística Computacional na
Universidade de Aberdeen (Escocia) e pioneiro en NLG; Reiter é tamén
fundador dunha das principais empresas na área, a compañía ARRIA
NLG, unha das patrocinadoras da presente edición
xunto coa compañía de mercadotecnia por correo electrónico Phrasee
e a consultora multinacional Accenture.
Ademais, o congreso
conta tamén coa presenza de dous relatores convidados, por unha
banda Frank
Schilder, de Thomson Reuters, e, pola outra, Gemma
Boleda (Universidade Pompeu Fabra), unha nova investigadora do
programa Ramón y Cajal que segundo informa o CiTIUS atesoura xa “un
prometedor currículo”, e á que o Consello Europeo de
Investigación vén de conceder unha das prestixiosas axudas ERC
Starting Grant para consolidar o seu traballo.
Entre o resto dos
asistentes o CiTIUS tamén salienta á investigadora Claire
Gardent, presidenta de SIGGEN
(o grupo de interés que auspicia o congreso) e membro do CNRS
(Centro Nacional en Francia para
a Investigación Científica, polas súas siglas en
francés), así como ao investigador postdoctoral do CiTIUS Alejandro
Ramos, recoñecido polo seu traballo GALiWeather
con distintos premios a nivel nacional e internacional, entre os que
destaca o Premio
de investigación 2017 da Sociedade Científica Informática de
España (SCIE) - Fundación BBVA.