O CiTIUS organiza en verán a nova edición da prestixiosa conferencia ECAI, que terá formato online

luns, 8 de xuño do 2020 S. P.

Galicia dará este verán un novo paso para converterse en país referente no ámbito das tecnoloxías con capacidade de analizar información, xestionala, comprendela e tomar decisións. Estamos a falar da celebración da 24 convocatoria da prestixiosa Conferencia Europea en Intelixencia Artificial, a ECAI, que se vai celebrar en formato online a partir do 29 de agosto e que contará co CiTIUS, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago, como entidade organizadora. Por mor da COVID-19, será a primeira en que o congreso se celebre en formato dixital.
Os organizadores da 24ª European Conference on Artificial Intelligence (ECAI) confirmaron este 8 de xuño que o congreso científico bienal sobre tecnoloxías intelixentes, un dos máis sobranceiros do mundo na súa temática (e o máis prestixioso a nivel europeo), desenvolverase nas datas previstas (a finais de agosto), pero nun formato dixital.
“É a primeira vez que este congreso se realizará online nos seus case 50 anos de vida e será un evento histórico, con máis contidos e participación cá nunca”, sinalou o presidente do Comité Organizador do congreso, Senén Barro. O director científico do CiTIUS engadiu que a viraxe no formato do evento “terá un impacto moi positivo sobre o número de asistentes”, xa que, malia os atrancos derivados da pandemia, conseguirase pasar dunha cifra inicial dun milleiro de persoas, a varios milleiros.
Nesta nova convocatoria, o ECAI pasa a ser o congreso “Digital ECAI2020” e a mostrar unha feitura “máis innovadora, interactiva e con capacidade para axuntar contidos do máis alto nivel científico, con espazos expositivos e formativos, salas de debate e mesmo eventos sociais”.
Adaptarse ás circunstancias
Segundo explican fontes do CiTIUS, a organización tomou esta decisión tras “unha minuciosa análise da situación derivada da pandemia no mundo, co obxectivo de garantir a celebración da conferencia, pero sen as severas limitacións e riscos que suporía a súa organización presencial”. O CiTIUS lembra que “as tecnoloxías das que dispoñemos hoxe, algunhas delas propias mesmo do ámbito da Intelixencia Artificial, permitirannos organizar un congreso cunha participación que será varias veces maior á que esperabamos na súa versión presencial”.

Senén Barro, director científico do CiTIUS nunha imaxe de Andrés Ruíz

Nos vindeiros días e semanas iranse desvelando novidades sobre a nova edición, unha conferencia que acubillará importantes novidades que “sorprenderán gratamente á comunidade científica internacional e a todas as persoas e organizacións que se sumaron a ECAI2020”, explicou o CiTIUS.
Os contidos do congreso repartiranse entre o 29 de agosto e o 5 de setembro, nas franxas horarias mellor adaptadas á disparidade de fusos en todo o mundo.
Digital ECAI2020 contará con relatores da elite científica mundial en Intelixencia Artificial, cuxas charlas serán en directo. A presentación de traballos científicos (só un de cada catro artigos foi aceptado, dun total de máis de 1.500 propostas recibidas) consistirá nun vídeo pre-gravado polo autor, que poderá ser visualizado en calquera momento e dará lugar a un debate en directo a través de vídeo-conferencia, ademais dunha canle de texto (chat).
Finalizada a conferencia, Digital ECAI2020 permitirá o acceso indefinido e gratuíto aos seus contidos principais, en particular aqueles de carácter científico, en liña co compromiso da Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI), entidade que auspicia o congreso e que agrupa ás asociacións de IA dos distintos países de Europa.
O CiTIUS tamén informa que “en liña coa actividade habitual dos congresos presenciais”, Digital ECAI2020 contempla tamén a celebración de eventos sociais interactivos en vivo, nos que os asistentes terán ocasión de participar activamente. O programa incluirá unha xornada polo Camiño de Santiago, concertos musicais, un percorrido histórico pola Universidade de Santiago ou mesmo coñecer algúns dos pratos máis singulares da gastronomía galega a través dunha visita en vivo ao Mercado de Abastos, situado no casco antigo da cidade de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE