O CiTIUS presenta o primeiro capítulo da nova tempada do seu podcast sobre IA
martes, 17 de xuño do 2025
Dende o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) anunciaban onte a segunda tempada do podcast deseñado e producido totalmente por eles. Estamos a falar de Mentes Singulares, un podcast que se centrará nunha conversa profunda e interdisciplinar sobre a Intelixencia Artificial (IA), as súas implicacións éticas, sociais e humanas, e a preocupación crecente arredor das súas vantaxes e perigos.
Neste primeiro episodio, o director científico do CiTIUS, Senén Barro, modera un novo debate no que participan dous convidados de excepción: Daniel Innerarity, profesor de Filosofía Política e investigador Ikerbasque na Universidade do País Vasco, e monseñor Francisco José Prieto, arcebispo de Santiago de Compostela.
Indo ao encontro Por que nos importa tanto a IA?, desde a perspectiva da filosofía e baixo o estudo da democracia como xeito de goberno, o profesor Daniel Innerarity quixo facer fincapé na cantidade de “enigmas apaixonantes” e asuntos en xogo que presenta a Intelixencia Artificial, que agora mesmo “ten posto en cuestión ideas centrais sobre a intelixencia, a igualdade e a automatización humana”. O filósofo propuxo unha visión crítica e equilibrada que evite tanto o determinismo tecnolóxico como posturas alarmistas, subliñando a importancia de considerar a complementariedade entre humanos e máquinas.
Segundo o arcebispo de Santiago, Monseñor Prieto, cómpre salientar a importancia que ten para a Igrexa Católica calquera desenvolvemento tecnolóxico, “pois nos interpela acerca de como pode axudarnos e como pode afectarnos; ao cabo segue sendo a pregunta ética sobre a persoa”. “Se a persoa deixa de ser protagonista implicando a súa liberdade, a súa creatividade e a súa responsabilidade, podemos ter resultados non queridos”, dixo.
Senén Barro advertiu tamén sobre aspectos críticos a miúdo ignorados no debate público, como a desinformación, o incremento das desigualdades e o que denominou “delegación cognitiva”, advertindo do perigo de que o ser humano perda as súas capacidades máis singulares ao cedelas inconscientemente ás máquinas.
Asemade, este achegamento serviu para debater sobre temas cruciais de importancia global, como a automatización do emprego, a posibilidade de máquinas con conciencia propia, a delegación de decisións xudiciais en algoritmos e os límites éticos no uso da IA en áreas tan sensibles como a medicina, a relixión ou a xustiza.
Por último, sinalar que Mentes Singulares atópase nun formato concibido como videopodcast e distribuído tamén en formato audio a través das principais plataformas de audio-podcast.
Primeira entrega da nova tempada do podcast Mentes singulares
