O CiTIUS recrea a voz de Ana Kiro para que represente a Galicia na Eurovisión mundial da IA
venres, 22 de setembro do 2023
O
Centro
Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC
recreou a voz da cantante galega Ana Kiro, falecida en 2010, para
que represente á nosa terra no festival que está considerado a
Eurovisión mundial da Intelixencia Artificial: o AI Song Contest.
Deste xeito, Kiro representará a Galicia co equipo PAMP! e a canción
Florespiña no dito evento internacional, programado para o
sábado 4 de novembro na Coruña. O Centro Singular de Investigación
en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) encargouse de realizar a
xeración de voz, o que implica a recreacion da fala normal e cantada
desta artista finada no ano 2010.
Neste
proxecto en concreto o CiTIUS traballou co grupo multidisciplinar de
doce persoas artistas, enxeñeiras, investigadoras e músicas galegas
que conseguiu a segunda posición con AI-Lalelo o ano pasado
neste festival.
Segundo
sinalaron, o tema Florespiña rende homenaxe á intérprete
cunha viaxe musical do pasado ao futuro, incluído unha nova versión
dela no metaverso, “co obxectivo de inmortalizar e resignificar o
seu legado ás novas xeracións empregando a intelixencia
artificial”, apuntan dende o equipo, liderado polo director
creativo Joel Cava, responsable da delegación galega e produtor
executivo da edición 2023.
A
proposta, que conta coa aprobación expresa e o recoñecemento da
famila de Ana Kiro, comeza cun recitado da artista que regresa tras
trece anos de ausencia polo seu pasamento. Pódese escoitar nas
principais plataformas de música en streaming, por
exemplo en YouTube:
Florespiña
competirá directamente contra unha decena de finalistas de todo o
mundo na final deste concurso internacional, impulsado inicialmente
en 2020 polas radiotelevisións públicas neerlandesas VPRO e NPO coa
supervisión da Unión Europea de Radiodifusión e organizado despois
pola fundación Stichting AISC.
Segundo
informou o CiTIUS, será “un programa de televisión en directo con
público asistente en Studio Follow da Grela, onde a cultura galega
estará moi presente, e converterá a cidade herculina na capital
mundial da música feita con Intelixencia Artificial. Amais,
constituirá unha ocasión para dar visibilidade á futura Axencia
Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que
nacerá en Galicia como primeiro organismo no seu ámbito do mundo.
As
entradas da gala están á venda a través da plataforma Ticket Hoy.
As
persoas responsables desta iniciativa pioneira levan por nome PAMP!
(Proxecto Ana María Prieto), tributo á primeira muller programadora
informática galega. O grupo está formado por Javi Cardama, César
Díaz, Fernando Estévez, e Ruben Laso, todos eles do CiTIUS, xunto a
Juan Alonso, Camille Hedouin (Mounqup), Sofía Infante, Eva Outeiro,
Xandre Outeiro, David Santos e Marta Verde, coordinados por Joel
Cava, e “contemplan a intelixencia artificial só como ferramenta
colaborativa e complementaria ao traballo musical, nunca substituta
das persoas, onde estas son as únicas decisoras e supervisoras do
proceso creativo, e sempre seguindo un uso ético, responsable e
transparente para promover a lingua e cultura de Galicia”,
explican.