O Clúster TIC Galicia, AMTEGA e a Asociación de Executivas de Galicia organizan unha xornada sobre ciberseguridade para pemes e autónomos

martes, 7 de abril do 2026 S. P.

Dende o Clúster TIC Galicia, en colaboración coa AMTEGA e a Asociación de Executivas de Galicia anuncian a sesión Ciberseguridade para PEMEs e autónom@s: o poder das persoas, que terá lugar o vindeiro xoves 16 de abril, ás 16 horas, no centro GaiásTech, en Santiago de Compostela.
Afondar nos principais riscos de ciberseguridade que poden afectar á vida cotiá, tanto no eido profesional coma no persoal é a finalidade deste encontro. Asemade, achegaranse pautas prácticas para identificar técnicas de manipulación e engano empregadas nos ciberataques, facendo fincapé no phishing, a ameaza máis habitual.
Indo ao programa, trataranse os seguintes temas: Introdución a conceptos básicos de ciberseguridade; Seguridade de credenciais e posto de traballo; Seguridade do correo electrónico e dispositivos móbiles; Principais ameazas en liña; Enxeñaría social: que é, como funciona e para que se emprega; Phishing: definición, impactos e tipos; Malware; Detección de ataques; Boas prácticas e referencias e haberá tempo para unha quenda de preguntas.
Engadir que a participación está aberta a profesionais de calquera sector interesados na ciberseguridade e en aprender a protexer a información, contribuíndo así á seguridade da súa empresa.
A inscrición no curso, de dúas horas de duración, é de balde. Para obter máis información cómpre visitar a web habilitada.