O Clúster TIC Galicia lanza un programa para impulsar a aceleración tecnolóxica: Tech Angels
luns, 30 de outubro do 2023
O
Clúster TIC Galicia vén de lanzar o programa Tech Angels para
promover a aceleración tecnolóxica de startups e ideas de
negocio de calquera sector, a través dun convenio asinado coa
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o
Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). O obxectivo é que
entidades socias brinden o pulo necesario para acelerar e optimizar
os modelos de negocio das candidaturas seleccionadas. Os
interesados poderán presentar as súas solicitudes a través da web
da asociación dende este 30 de outubro e ata o 15 de decembro.
Segundo
explicou o Clúster, esta iniciativa constitúe “unha excelente
oportunidade para potenciar proxectos innovadores mediante un marco
de colaboración entre emprendedores e empresas socias do Clúster
TIC (denominadas “Tech Angels”), que porán á súa disposición
os recursos técnicos e económicos precisos para proporcionarlles
solucións tecnolóxicas personalizadas, necesarias para potenciar os
seus negocios”. O obxectivo último será “xerar sinerxías que
permitan ás ideas de emprendemento e startups acceder a
recursos tecnolóxicos avanzados e expertise especializado,
reducindo os riscos e impulsando a súa rápida expansión e
fortalecemento no mercado”.
O
Clúster TIC Galicia valorará e preseleccionará as propostas, en
base a criterios de calidade, orientación ao mercado e/ou nivel de
madurez e dará a coñecer ás entidades admitidas no programa Tech
Angels, como máximo, o 9 de xaneiro. A partir desta data,
realizaranse dous obradoiros de asesoramento en modalidade híbrida
(telemática e presencial) para guiar ás novas firmas innovadoras e
ás persoas emprendedoras na elaboración das súas presentacións
ante os Tech Angels, aliñadas coas bases do programa.
Posteriormente, os Tech Angels, socios do Clúster TIC, escollerán
as iniciativas nas que desexen colaborar e procederase á
formalización dos acordos.
Os
socios do Clúster porán a disposición dos proxectos seleccionados
o seu amplo coñecemento e experiencia no mundo TIC e investirán en
tecnoloxía adaptada á startup ou idea innovadora
seleccionada, dende software a hardware, “pasando por aplicacións,
plataformas dixitais e calquera ferramenta tecnolóxica que poida
contribuír a potenciar o negocio”, explicaron fontes do Clúster
TIC, engadindo que as empresas socias ofrecerán asesoramento e a
posibilidade de ampliar a súa rede de contactos, ademais de exercer
como guías en cada paso do proceso. “A medida que as empresas e
ideas crezan e evolucionen, as solucións tecnolóxicas
proporcionadas adaptaranse, garantindo así a súa innovación
constante”, apunta o Clúster.