O Colexio de Enxeñeiros Industriais entregará na Coruña os Premios Galicia de Industria

martes, 6 de xuño do 2023 S. P.

O Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia (AIIG) entregará os galardóns da quinta edición dos Premios Galicia de Industria o vindeiro venres, 16 de xuño, no Palacio da Ópera da Coruña. Haberá seis categorías, ás que se presentaron un total de 14 empresas. Nelas recoñécense as mellores traxectorias, o fomento e implantación de boas prácticas no campo da industria, así como as contribucións realizadas polos profesionais ou entidades.
As empresas premiadas nesta edición son: Repsol, que recibirá o Premio á mellor innovación industrial polo Proxecto G-54. Complexo Industrial A Coruña; Navantia, distinguida co Premio á mellor actuación en industria conectada 4.0 transformación dixital pola creación dun sistema dixital baseado nun xemelgo de planta; Agroamb Prodalt S.L. co Premio á mellor actuación de sustentabilidade, socialmente responsábel e medioambiente por converter residuos en materias primas para elaborar abonos, fertilizantes sustentábeis como alternativa aos químicos; e Dooroti co Premio á startup industrial con maior impacto ou crecemento pola creación dunha rede colaborativa de prazas de aparcamento de alugueiro cando están libres en varias cidades galegas. Tamén será premiado o enxeñeiro industrial José Ramón Álvarez Arnau, galardoado pola Mellor traxectoria profesional na industria e enxeñería tras máis de 50 anos colexiado ao ICOIIG e cunha extensa vida profesional como enxeñeiro industrial, abarcando todos os eidos ao servizo da Administración do Estado, da empresa privada, da oficina técnica coa redacción de proxectos industriais de todo tipo, da Administración de Xustiza como perito de parte e perito xudicial e da formación.
Finalmente, o xurado outorgou dúas mencións: unha Mención honorífica á industria galega que recaeu no Grupo Lence por “ter no seu ADN a innovación a través da que ofrecer valor engadido á sociedade no seu conxunto e, en particular, ao sector industrial galego”; e unha Mención Especial pola “contribución ao desenvolvemento e implantación doutras iniciativas industriais” á Autoridade Portuaria da Coruña pola súa actuación no proxecto Porto exterior da Coruña: unha aposta de futuro da Coruña Green port.
O xurado estivo composto polos enxeñeiros industriais que integran as xuntas reitoras do ICOIIG e da AIIG, encabezados por Francisco Pérez Rivas, decano e presidente, así como por representantes das súas delegacións provinciais. Nesta quinta edición quíxose poñer en valor a transformación dixital, o respecto ao medio ambiente e a innovación industrial.

PUBLICIDADE