O Concello de Santiago e o CiTIUS avanzan en colaboración

xoves, 5 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Santiago e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) van estreitar a súa colaboración, un traballo conxunto que colleu impulso a través de proxectos como Trafair, do que falamos recentemente en Código Cero con motivo do premio obtido en Roma polo seu importante potencial tecnolóxico e medioambiental. A consolidación do traballo colaborativo foi dada a coñecer hoxe polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, durante unha visita á sede do dito centro, na compaña do seu director científico, Senén Barro, ex reitor da USC. Ambos falaron da aplicación das tecnoloxías intelixentes “en proxectos de interese para a cidade” e, máis polo miúdo, do devandito programa Trafair (orientado a loitar en Compostela contra a contaminación do ar) ou do proxecto smart de Santiago, Smartiago.
Na estadía no centro da USC, Sánchez Bugallo coñeceu ao detalle as últimas novidades de Trafair (Understanding Traffic Flows to improve Air Quality) no que participan Santiago de Compostela, o CiTIUS e o CESGA, amais doutras cinco cidades e centros de investigación europeos. Segundo fixo saber, a intención do Concello é “buscar a colaboración da USC para sacar adiante todos estes proxectos de interese para Santiago, convertendo o que é desenvolvemento e investigación en empresa e na xeración de postos de traballos cualificados, que é o que forma a nosa Universidade".
O encontro tamén serviu para que o director científico do CiTIUS, Senén Barro, lle presentase ao alcalde os detalles do Congreso Europeo de Intelixencia Artificial, que se celebrará en Compostela en 2020, “o congreso máis importante de Europa e dos máis importante do mundo no ámbito da Intelixencia Artificial”.

PUBLICIDADE